Actualidade
[30-01-2019] A Concellaría de Educación e Cultura de Ames prepara unha ampla programación de contacontos para os meses de febreiro e marzo, que consta de oito sesións e dous obradoiros de máscaras de Entroido. Para participar nalgún dos obradoiros, dirixidos ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, será preciso inscribirse a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.
[30-01-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro. O proxecto ten un custo de 68.500 euros, IVE incluído, e está sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”. Os traballos serán executados pola empresa Construcciones Iglesias Mera SL. Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo dos traballos desenvolvidos en varias instalacións do Milladoiro, na Casa do Concello, praza do Concello, e na praza da Maía, en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.
[30-01-2019] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio coa constitución do tribunal e resultado da fase de concurso do proceso selectivo para a selección e contratación laboral fixa dun/dunha oficial para a sección de Obras e Servizos básicos, subgrupo C2. Convócase aos aspirantes, que non estean en posesión do Celga 3, para a realización do exame de galego, o vindeiro 5 de febreiro, ás 09:30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello.
[29-01-2019] Despois de dezaoito días, este xoves, 31 de xaneiro, o concello de Ames despídese da exposición que conmemora as tres décadas de actividade da compañía Teatro do Noroeste. Exposta no vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns, a mostra supón un percorrido pola traxectoria desta importante compañía teatral afincada en Ames, ao tempo que reflexa as tres últimas décadas do teatro galego. A entrada para visitar a mostra é libre e gratuíta.
[29-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha en 2017 unha nova iniciativa no eido da información municipal. O departamento de prensa edita un xornal gratuíto denominado 94kmª. Trátase do xornal oficial do Concello de Ames, no que se abordan os temas de maior actualidade política e as actividades municipais nos 94 quilómetros cadrados do termo municipal. O novo xornal municipal dá conta á veciñanza de Ames do traballo municipal como preludio ás xuntanzas nas parroquias e núcleos urbanos. Actualmente, estanse repartindo os 10.000 exemplares do terceiro número. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o terceiro número deste xornal.
[29-01-2019] Na Xunta de Goberno Local do 17 de xaneiro de 2019 aprobouse a convocatoria, por adxudicación directa, das unidades de enterramento que quedaron sen adxudicar na licitación anterior (aprobada en Xunta de Goberno Local do 26 de outubro de 2017). Os/as interesados/as deberán presentar a correspondente solicitude de adxudicación directa de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.
[28-01-2019] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay, organiza o vindeiro 3 de febreiro unha proba de resistencia en bicicleta de montaña, aberta a maiores de 16 anos. O percorrido, que sairá do parque do Pedregal de Bertamiráns, consistirá nun só recorrido duns sete quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. O prazo de inscrición para participar na proba estará aberto ata o 29 de xaneiro ás 00.00h, e poderá realizarse a través da ligazón http://magmasports.es. Ao finalizar, entregaranse un total de 55 premios entre os e as participantes que queden nos primeiros postos das diferentes categorías.
[28-01-2019] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 1 de febreiro, a partir das 21.00h a comedia Loló e Mamá, que xira en torno ao vínculo nai-filla. A peza explora a situación que se desata cando Mamá, reporteira de guerra, queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla, Loló, ao outro lado do océano. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros en tarifa xeral, e 2,5 euros na reducida.

Este xoves, 31 de xaneiro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro no que a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial do crédito extraordinario 1/19 para sufragar as actuacións do exercicio 2019 incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. Outros temas que debaterá a Corporación municipal son a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa. Tamén se aprobará, se procede, a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas, o Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, e unha proposta presentada polo grupo municipal do Partido Popular. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de xaneiro.
[28-01-2019] Logo dun breve paréntese por mor das festas de Nadal, a radio municipal retoma esta semana a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, neste primeiro trimestre de 2019, serán catorce os proxectos que formarán parte da grella radiofónica de Ames Radio. Os programas, que serán unha continuación dos previamente emitidos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro, abordarán temas tan diversos como a educación das fillas e fillos, a divulgación de coñecementos científicos, culturais e musicais, a maternidade ou a actividade empresarial de Ames.
- ‹ anterior
- 575 de 1376
- seguinte ›