Actualidade

Ex., 27-04-2025
Ex., 27-04-2025
Luns, 04 de febreiro de 2019

[04-02-2019] O Concello de Ames vén de presentar a programación infantil con Apego para os vindeiros catro meses, cunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo de febreiro, marzo, abril e maio. Dita programación bota a andar este venres, 8 de febreiro, co espectáculo “A fiestra dos Soños”, a cargo do grupo Trotaventos. A función, que comezará ás 18.00 horas, representarase na Casa da Cultura de Bertamiráns e está dirixira a un público familiar. As entradas poden mercarse na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames. O custo das entradas é de 4 euros en tarifa xeral, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Sábado, 02 de febreiro de 2019

[02-02-2019] O salón de plenos do Concello de Ames acolleu este xoves, 31 de xaneiro, o acto de entrega da primeira edición do Premio Lingua e Empresa. Ao evento, que comezou ás 19.00 horas, acudiron representantes do goberno, concelleiros/as da Corporación municipal e os integrantes do xurado do concurso. As concelleiras de Participación veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, así como Salomé Blanco, integrante do xurado, foron as encargadas de entregarlle os premios ás empresas gañadoras: Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega.

Sábado, 02 de febreiro de 2019

[02-02-2019] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acollerá o vindeiro xoves, 7 de febreiro, ás 20:00 horas, o Workshop ‘Que facemos cos residuos? Cidadanía, consumo e sustentabilidade’, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Ecoembes, coa colaboración do Concello de Ames. Esta actividade gratuíta está especialmente dirixida aos comerciantes e entidades ecoloxistas pero está aberta a todas aquelas persoas que desexen asistir.

Venres, 01 de febreiro de 2019

[01-02-2019] Este domingo, 3 de febreiro, celebrarase a proba de resistencia en bicicleta de montaña organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay. Na proba participarán un total de 243 persoas, das que 78 están inscritas na proba por parellas, mentres que 165 realizarán a proba de forma individual. O percorrido, que sairá do parque do Pedregal de Bertamiráns, consistirá nun só recorrido duns sete quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. Haberá sete categorías, e un total de 14 subcategorías.

Venres, 01 de febreiro de 2019
Imaxe do pleno celebrado o 31 de xaneiro de 2019

Este xoves, 31 de xaneiro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade concertar o crédito extraordinario 1/19, por valor de 312.127 euros, para sufragar as actuacións do exercicio 2019, incluídas no Plan Impulsa Ames da EDUSI. Outros temas que saíron adiante foron: a aprobación inicial da ordenanza de Convivencia cidadá do Concello de Ames; a aprobación inicial do regulamento do programa Xantar na Casa; a resolución das alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas; e mailo Acordo para a estabilización do emprego temporal no Concello de Ames.

Venres, 01 de febreiro de 2019

[01-02-2019] Este xoves, 31 de xaneiro, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e da Corporación municipal realizáronlle unha recepción ao equipo do CEIP de Barouta, con motivo dos distintos premios acadados polo centro nos últimos meses. Este acto forma parte dunha serie de recepcións que o Concello de Ames realiza como recoñecemento a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.

Xoves, 31 de xaneiro de 2019

[31-01-2019] O Concello de Ames acaba de presentar a programación infantil con Apego para os vindeiros catro meses, cunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo de febreiro, marzo, abril e maio. O próximo venres, 8 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a primeira das actividades, o concerto A fiestra dos Soños. A cargo do grupo Trotaventos, a función comezará ás 18.00h e dirixirase a un público familiar. As entradas para a obra xa se poden retirar na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames. O custo das entradas é de 4 euros en tarifa xeral, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Xoves, 31 de xaneiro de 2019

[31-01-2019] Este xoves, 31 de xaneiro, sae publicada no BOP a convocatoria de axudas para desenvolver accións preventivas coa plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de liñas secundarias para a xestión de biomasa definidas no plan de medidas preventivas fronte incendios forestais no período 2018-2019. Nesta liña de axudas poden participar exclusivamente os/as propietarios/as de fincas, que estean incluídas nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). A esta liña de axudas destínanse 18.000 euros. O plan de prevención de incendios forestais, aprobado en Pleno, recolle ir actuando cada ano en diversas zonas do concello ata completar todas as parroquias. Nesta terceira fase, o Concello podería chegar a plantar ata 4.000 árbores nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e os impresos de solicitude.

Xoves, 31 de xaneiro de 2019

[31-01-2019] A Concellaría de Promoción Económica e Turismo vén de dar a coñecer os gañadores dos premios que quedaban por repartir da décimo terceira edición do Concurso de Escaparates de Nadal. Os establecementos galardoados co Premio especial do público son Arola Moda no Milladoiro, con 450 votos, e Queens Moda en Bertamiráns, con 152 votos. Asemade, a través dun sorteo levado a cabo entre a clientela que votou no concurso de escaparates, María Vilar Lagares, Lucía Puentes Vázquez e Mª Sol Vidal Otero resultaron gañadoras dun talón de 300 euros cada unha.

Mércores, 30 de xaneiro de 2019

[30-01-2019] Debido á previsión meteorolóxica para hoxe, o CEIP de Barouta decide pospoñer a súa terceira edición da carreira solidaria, celebrada en favor do Banco de Alimentos de Ames, que se esperaba tivese lugar hoxe, 30 de xaneiro. Non obstante, se o tempo o permite, espérase pospoñer dita actividade ata o vindeiro mércores, 6 de febreiro.