Actualidade

Este vindeiro martes, 22 de abril, poñerase o peche final a unha nova edición do programa Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que nace coa finalidade de achegar o cinema galego á veciñanza. Desta volta, as protagonistas serán as curtametraxes, pois nesta última xornada do ciclo de cine proxectaranse catro curtas de temáticas diferentes mais con varios nexos en común. A sesión terá lugar ás 20.00 horas no auditorio do Milladoiro e contará coa presenza dos directores de cada unha das curtas. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Esta pasada fin de semana a localidade de Logroño acolleu o Campionato de España Infantil de Karate, unha cita na que a Escola de Karate Dokkodo estivo representada por Tiago Blanco, Xián Blanco e Jadel Rodríguez. Así mesmo, a nivel técnico, o club amesán contou coa presenza de Enrique Blanco, como delegado da expedición galega, e de Adrián Seoane, que exerceu como árbitro nacional ao longo de todo o campionato.

No pasado mes de febreiro comezou a impartirse o curso de monitor/a de actividades de tempo libre organizado pola Concellaría de Mocidade, unha formación na que este ano están a participar 25 persoas. Ao longo destes dous meses que levan de aprendizaxe, os participantes xa realizaron diferentes actividades na modalidade presencial do curso, destacando a acampada nas instalacións da Aula da Natureza que tivo lugar a fin de semana dos días 5 e 6 de abril.

O programa do Apego continúa coa súa ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste mes de abril. Desta volta, co espectáculo de contos e música “Pan con chocolate”, de María e Carme da Pontragha, que se desenvolverá o vindeiro venres 25 de abril, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 24. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, vén de poñer en marcha a campaña “Como desfacerse dos restos da poda?”. Deste xeito, indícase que os restos da poda deberán depositarse nunha bolsa dentro do colector de orgánico sen ocupar máis de dous terzos da súa capacidade. Outra opción é deixar os restos ao lado do colector nunha bolsa de lixo cerrada. O que non se debe facer é deixar os restos da poda amoreados ao lado dos colectores de lixo. Ademais, existen outras como a compostaxe, queimar os restos (sempre con comunicación previa en queimasweb.xunta.gal) ou levalos a un xestor autorizado.

Augas de Ames está de estrea. Esta mañá abriu a nova oficina do Milladoiro, que está situada no cruce da avenida de Rosalía de Castro coa rúa Viorneira, no número 56. A nova oficina está situada ao carón da estrada principal do Milladoiro, nun lugar máis visible para a veciñanza e conta cun espazo de 60 metros cadrados o que permite dispor de varios postos de traballo e deste xeito ampliar o servizo que se estaba a prestar. O horario de atención ao público será o mesmo que o da anterior oficina, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, increméntase o persoal de atención ao público o que permite reforzar o servizo os martes os xoves. O número de teléfono da oficina é o 981 93 94 45.

Este pasado luns, 14 de abril, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 107 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro luns 21 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.

O Concello de Ames vén de comezar os trámites para establecer unha ordenanza que regule a carta de “Benvida Social”, tamén coñecida en outros concellos como bautizo civil. Segundo os cálculos estimados polos servizos municipais non será ata o mes de agosto cando se poida oficiar a primeira celebración dunha cerimonia civil. Dita ordenanza estará en consulta pública durante 20 días hábiles rematando o prazo o 19 de maio. Posteriormente proporase para a súa aprobación no pleno ordinario de maio.

Iván Gutiérrez e Cosme González, os dous veciños de Ames e pertencentes ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, acaban de gañar a medalla de ouro no campionato nacional base individual masculino de ximnasia rítmica. Dito campionato celebrouse do 8 ao 13 de abril no Palacio multiusos de Guadalajara. Iván Gutiérrez foi campión de España de ximnasia rítmica na categoría cadete, mentres que Cosme González tamén se proclamou campión de ximnasia rítmica na categoría xuvenil.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, tamén se pode consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.
- ‹ anterior
- 6 de 1379
- seguinte ›