Actualidade

O Hotel Congreso, situado no concello de Teo, acollerá o vindeiro domingo, 13 de abril, ás 11:00 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Ademais de coñecer o programa, as familias que o desexen poderán inscribirse para acoller a un neno ou nena durante este verán. Así mesmo, tamén se pode chamar aos números de teléfono 678 727 382 / 986 262 637 ou escribir ao enderezo electrónico asociacionsogaps@yahoo.es para recibir máis información sobre a iniciativa.

A unidade móbil de doazón de sangue estará este xoves 10 e venres 11 de abril, en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención os dous días será de 15:30 a 21:00 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.

A Fundación Down Compostela celebrou este xoves, 20 de marzo, na sala Mozart do auditorio de Galicia, a gala de entrega dos XII Premios Down Compostela, cos que a Fundación recoñeceu o traballo de Marta Rodríguez Lorenzo, veciña de Ames, Seur e Antonio Rodríguez Núñez. A gala estivo presentada por Irene Rodríguez-Toubes, unha moza con trisomía 21, e mailo xornalista amesán, Diego Viaño. Por parte do Concello de Ames asistiron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Ademais, durante a gala actuou o artista Fran Allo, tamén veciño de Ames, que presentou un tema do seu novo proxecto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou este venres pola tarde a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrou na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos obstáculos que se instalaron no circuíto. Máis de 200 participantes tiveron que completar un percorrido de 600 metros e 9 obstáculos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza para este venres 14 de marzo a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro do programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba, que comezará ás 17:30 horas, é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos nove obstáculos que se instalarán no circuíto. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón. Neste evento familiar poden participar nenos/as de 5 anos en diante e persoas adultas, que terán que completar un percorrido de 600 metros.

O Concello de Ames conmemorou na mañá deste luns, 10 de marzo, o Día Internacional da Muller, que ten lugar cada 8 de marzo, cun acto institucional na Casa do Concello en Bertamiráns. No acto procedeuse á lectura do manifesto institucional do Concello de Ames por parte dos membros da Corporación municipal e que, este ano, puxo o foco no avance das mensaxes negacionistas e contra as políticas de igualdade acadadas ata o momento.

O pavillón de Bertamiráns acolleu neste martes de Entroido unha nova edición do cocido dos maiores de Ames, ao que asistiron aproximadamente 700 veciños e veciñas do noso concello. Deste xeito, os maiores de 65 anos de Ames puideron gozar dunha gran xornada festiva, con música a cargo do dúo Plan B e na que degustaron o tradicional cocido galego. Tras o xantar, realizouse a entrega de premios aos mellores disfraces e tamén un sorteo de varias cestas con produtos de Entroido entre todos os asistentes. Gran parte da Corporación municipal asistiu á festa.

O Concello de Ames e a Fundación Down Compostela asinaron esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, un convenio de colaboración entre ambas entidades. Deste xeito, membros de Down Compostela participarán este venres na V edición do InnovAmes como actividade complementaria á súa formación no Programa de Emprego con Apoio e Inclusión Social enmarcado no S.E.P.A.P. (Servizo de Promoción da Autonomía Social).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, preparou un ano máis unha programación específica de actividades con motivo do Día Internacional da Muller 2025. O propio sábado, 8 de marzo, haberá ás 11.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro un acto institucional no que lerá o manifesto municipal. A continuación, ás 11.30 horas, celebrarase a quinta edición ca carreira da muller “Moios camiños, mesma meta”, a través da cal se trata de visibilizar os obstáculos que as mulleres deben superar a diario. Por último, impartirase durante o mes de abril o programa “Mulleres en rede”, ques está dirixido a mulleres que se atopan nun estado de vulnerabilidade.

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza unha nova edición da cea de Entroido solidaria co pobo saharauí, co obxectivo de recadar fondos para o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz. A cea terá lugar no Hotel Congreso, no concello de Teo, o vindeiro sábado 8 de marzo, ás 21:00 horas. Para asistir pódese contactar con Esther Ybarra, voceira de SOGAPS na comarca, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45; ou coa propia asociación, no 986 26 26 37. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo sogaps.oficial@gmail.com. As entradas para acudir á cea poderanse adquirir ata o luns 3 de marzo.
- 1 de 71
- seguinte ›