Actualidade

Ex., 15-06-2025
Ex., 15-06-2025
Venres, 06 de decembro de 2024
Ames acende o Nadal este sábado 7 de decembro

Este sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, está previsto que se celebre o tradicional acto de acendido das luces de Nadal. Actuarán arredor de 40 alumnos/as da Escola Municipal de Música e membros da asociación Arcea-Adames. Ademais, haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. As persoas encargadas de premer o botón de acendido do alumeado será desvelado no propio acto entre os presentes. As luces de Nadal estarán acendidas en horario de 18.00 a 02.00 horas dende este sábado, 7 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).

Martes, 03 de decembro de 2024
Presentación dos concursos de decoración de Nadal en Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar unha nova edición dos seus concursos de decoración de Nadal, un destinado á veciñanza e outro aos comercios locais. As iniciativas, consolidadas xa como uns clásicos do Nadal amesán, teñen como obxectivo buscar a colaboración de veciños e comerciantes na decoración do concello durante estas festas. Deste xeito, os comercios participantes poderán decorar os seus escaparates e, por outra parte, a veciñanza que colabore decorará as súas vivendas particulares, xardíns, fiestras ou balcóns coa temática de Nadal. En total repartiranse 6.000 euros en premios; 4.000 euros destinados ao concurso de escaparates e 2.000 no de decoración veciñal.

Luns, 02 de decembro de 2024
Presentación da programación de Nadal en Ames esta mañá

Ames presentou esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello a súa programación para as festas de Nadal deste ano. O programa, organizado por varios departamentos municipais, inclúe múltiples actividades dirixidas para todo tipo de públicos que se desenvolverán ao longo de todo o mes de decembro e comezos de xaneiro e que teñen como obxectivo dinamizar as rúas de Ames nestas datas tan sinaladas. No acto participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís. A programación pódese consultar ao completo premendo nesta ligazón.

Luns, 02 de decembro de 2024
Últimos días para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal ata o 6 de decembro. Os bonos poderán gastarse do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025.

Martes, 26 de novembro de 2024
Aberto o prazo para inscribirse no X Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro

A Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro organiza un ano máis o seu certame fotográfico. A temática do concurso xira en torno ao propio parque empresarial e a actividade económica que alí se desenvolve. Pódese participar enviando unha soa imaxe por persoa, que deberá ser remitida ao enderezo electrónico certamefotografico@aenovomilladoiro.com xunto co título da obra e os datos persoais do autor (nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto). O prazo para enviar os arquivos está aberto ata o 2 de decembro. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón. Esta actividade está financiada polo Concello de Ames e a Deputación da Coruña.

Xoves, 21 de novembro de 2024
O alumnado do obradoiro de emprego Renova VI executou unha nova instalación de paneis solares fotovoltaicos na estación depuradora de Sisalde

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova VI, no que participaron durante 12 meses, 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión; Guarina Rey; e polo director do obradoiro, Andrés Novo. Tamén participaron concelleiros e concelleiros do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Nesta edición impartíronse 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impartiuse a especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas.

Martes, 19 de novembro de 2024
Os/as creadores de 13 proxectos do Ames AV LAB expoñen os seus proxectos nun acto celebrado na Casa da Cultura do Milladoiro

O Ames AV LAB, laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual do Concello de Ames, celebrou onte un acto no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, no que 13 dos 15 creadores/as que participan nesta iniciativa, expuxeron os avances dos seus proxectos ante representantes institucionais, profesionais do sector e potenciais investidores. Dita exposición sérvelle á Comisión de Avaliación para determinar a puntuación final que se lle outorgará a cada proxecto. Posteriormente farase un acto entrega de premios no cal se entregarán 7 premios de 10.000 euros cada un, destinados ás actividades de definición e desenvolvemento inicial dos proxectos seleccionados. Premendo nesta ligazón podes ver unha galería de imaxes sobre o acto.

Domingo, 17 de novembro de 2024
Ames AV LAB clausura a súa primeira edición coa presentación de proxectos e a avaliación dos premios que impulsarán o seu desenvolvemento

O laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual Ames AV LAB, promovido polo Concello de Ames e cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña, celebra o próximo luns, 18 de novembro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o acto de clausura da súa primeira edición. Este programa, deseñado como un espazo de aceleración de proxectos e fomento do talento emerxente, foi clave para dinamizar o tecido audiovisual local, potenciando a competitividade do sector e fortalecéndoo no ámbito nacional e internacional. Esta xornada incluirá tamén a avaliación final dos traballos, a cargo da Comisión de Avaliación dos premios Ames AV LAB, que xa celebrou a súa primeira reunión o pasado martes, 13 de novembro, para constituírse formalmente e revisar a documentación dos proxectos presentados nas fases 1 e 2 do programa.

Xoves, 14 de novembro de 2024
O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. A presentación da campaña realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. Participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 19 de novembro e o 6 de decembro, ambos incluídos. Os bonos poderán gastarse do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025.

Xoves, 14 de novembro de 2024
Continúa aberto o período de selección para a edición 2024-2025 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión

O prazo de solicitude de praza no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2024-2025) está aberto ata o día 29 de novembro. Nesta edición, o programa conta con 100 prazas para a formación nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre, e turismo. Este programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros, e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. Este venres, 15 de novembro, ás 12.00 horas, haberá unha charla informativa sobre este programa no Centro de formación e emprego do Concello de Ames.