Actualidade

Ex., 25-01-2025
Ex., 25-01-2025
Venres, 06 de maio de 2022
A Aula da Natureza e o Apego propoñen achegar os bebés á natureza co taller “Con-tacto natural” este sábado 14

A Aula da Natureza, en colaboración co programa Apego de Normalización Lingüística, organiza no parque do Ameneiral de Bertamiráns o obradoiro “Con-tacto natural”, un novo taller sensorial ao aire libre pensado para familias con bebés de 0 a 2 anos. As crianzas estarán en contacto con elementos naturais, sentirán o tacto de diferentes materiais e descubrirán sons e aromas. Será o sábado 14 de maio, de 12:00 a 13:30 horas. As inscricións para a actividade son de balde e poderán realizarse dende hoxe ata o 12 de maio, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Xoves, 05 de maio de 2022
O persoal da brigada Aprol acondicionou preto de 18 quilómetros de camiños nos nove meses de programa

Un capataz e un peón formaron durante os últimos nove meses a brigada Aprol Rural do Concello de Ames, un grupo de traballo creado a través do programa de fomento do emprego no medio rural da Xunta de Galicia, coordinado pola Aula da Natureza da Concellaría de Medio Ambiente. Os dous traballadores da brigada actuaron sobre 66 camiños das parroquias de Piñeiro, Ortoño, A Ameixenda, Lens e Tapia, acondicionando unhas 5,57 hectáreas de superficie, uns 17,88 quilómetros lineais. O pasado venres, a brigada presentou os resultados da súa actuación ao alcalde de Ames, Blas García, e ao concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.

Xoves, 05 de maio de 2022
Cartel da exposición sobre o Pacto Verde Europeo

A mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, chega ao concello de Ames o día 6 de maio, onde poderá visitarse durante dúas semanas na Travesía do Porto. A cidadanía poderá achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o día 10 de maio. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, o deputado Antonio Leira acudirá ao acto de inauguración da exposición que se realizará na Travesía do Porto. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

Mércores, 04 de maio de 2022
Ames acollerá o 19 de maio un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo urbano de Aldea Nova

Este martes, 3 de maio, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello na que se presentou un simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo de poboación de Aldea Nova, ante unha activación do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (PEIFOGA) en situación 1 e o paso a situación 2. O simulacro realizarase o vindeiro 19 de maio e desenvolverase nos lugares de Roxos (parroquia de Villestro, pertencente ao concello de Santiago de Compostela), e na urbanización de Aldea Nova (parroquia de Ortoño, no concello de Ames). Comezará ás 8:45 cun incendio de nivel 1 na zona de Roxos, que ao non poder ser controlado, pasará a nivel 1 chegando ao nivel 2 ao longo da mañá.

Xoves, 28 de abril de 2022
Cartaz do primeiro curso de técnico de compostaxe descentralizada do ano 2022

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente informa de que a Asociación Ecoloxista ADEGA abre o prazo de inscrición para o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que terá lugar do 9 de maio ao 7 de xuño nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situada no lugar de Quintáns, na Ameixenda. O curso está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A formación será totalmente de balde e destinada a persoas desempregadas, que optarán a unha bolsa de traballo. Trátase dunha acción gratuíta cofinanciada polo FSE e a través da cal se pretende conseguir unha formación e un emprego de calidade.

Xoves, 14 de abril de 2022
Do 19 ao 28 de abril abre o prazo de preinscrición para os campamentos de verán 2022

O Concello de Ames publica un ano máis o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 445 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes con estadía nocturna, que se desenvolverán en diferentes datas entre o 26 de xuño e o 3 de setembro. Este ano, coma novidade, inclúense novos destinos para ditos campamentos e increméntase o número de prazas. Organizaranse, tamén, dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da natureza. O prazo de preinscrición estará aberto do 19 ao 28 de abril. A preinscrición para este servizo realizarase enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal para o campamento urbano e mailos campamentos de educación infantil e primaria. Para inscribirse nos campamentos de secundaria e bacharelato hai que enviar un correo electrónico a omix@concellodeames.gal. Hai que enviar o impreso de preinscrición que se pode descargar aquí.

Sábado, 02 de abril de 2022
A palloza "Casa do Sesto", no Piornedo

A Aula da Natureza organiza o sábado e domingo 23 e 24 de abril unhas rutas ambientais nos Ancares, como parte da súa programación de primavera. Para a viaxe, as persoas participantes escollerán permanecer unha xornada ou dúas, nas que o aloxamento e a manutención non están incluídas. O sábado realizarase a ruta dos Tres Bispos partindo dende a Degrada dos Ancares, mentres que o domingo será a quenda da ruta dos Cabanillos, cunha visita a Piornedo. Para participar, cómpre enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Xoves, 31 de marzo de 2022
A Aula da Natureza comeza a campaña de mitigación da avespa velutina]

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, comeza en abril a facer o reparto do material para a mitigación da avespa velutina. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de repartir o líquido atrainte. Ao mesmo tempo, achéganse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. Dende o Concello anímase aos amesáns e ás amesás a participar nesta iniciativa, que é a maneira máis eficaz de poder controlar a vespa velutina.

Venres, 25 de marzo de 2022
Imaxe do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns

O Concello de Ames responde á petición da ONG World Wildlife Fund (WWF), que cada ano solicita ás cidades e vilas de todo o mundo que apaguen as luces dos seus edificios máis emblemáticos durante unha hora. Deste xeito, Ames apagará o alumeado do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e da Capela da Madalena, no Milladoiro, durante “A Hora do Planeta”, que se celebrará entre as 20:30 e as 21:30 horas deste sábado 26 de marzo.

Mércores, 09 de marzo de 2022
Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza

Por mor das previsións de chuvia para este sábado 12, queda adiada a saída de rastrexo diúrno de pegadas de animais. Esta é a segunda parte do ciclo “Séguelle a pista”, promovido pola Aula da Natureza na súa programación infantil-xuvenil de primavera. Neste senso, o pasado sábado 5 celebrouse a primeira metade desta proposta, un obradoiro no que a rapazada puido coñecer as pegadas dos animais máis frecuentes nos montes amesáns. As actividades da Aula da Natureza continúan en marzo, cun curso de apicultura os días 19 e 20 e cun taller de elaboración e colocación de caixas niño, o sábado 26.