Actualidade
A Concellaría de Medio Ambiente, a través do Departamento da Aula da Natureza, organizou unha saída micolóxica o pasado sábado 13 de novembro. Vintecinco persoas participaron nesta saída polo monte Iorite, non concello de Noia, na procura de cogomelos. O grupo estivo acompañado pola docente, Sira López, que os guiou na diferenciación e recoñecemento das diferentes especies.
Vinte rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos achegáronse esta fin de semana ás tradicións do san Martiño mentres acampaban na Aula da Natureza. Entre o sábado e o domingo prepararon e embutiron chourizos, podaron árbores, plantaron froitos silvestres, descubriron os métodos tradicionais de conservación de alimentos e coñeceron os cambios que achega o equinocio de outono, unha chea de actividades coas que gozaron mentres aprendían sobre as tradicións vencelladas ao san Martiño. Esta actividade enmárcase na programación de outono da Aula da Natureza e que culminará no mes de decembro co obradoiro “Preparando un Nadal sostible” o sábado 4 de decembro.
Mostras de cogomelos, colmeas e instrumentos de apicultura e de pequenos froitos e cereais que se poden cultivar no monte, presenza de artesáns da cestería e da madeira, degustacións de cogomelos, froitos do bosque e aceites constituíron a oferta de “Monte Tanto, Tanto Monte”, a I Feira do Monte que, organizada pola concellaría de Medio Ambiente, celebrouse na parroquia de Trasmonte o pasado sábado, 23 de outubro. A Feira, que naceu coa intención de valorizar e dar importancia á diversidade do monte e de amosar a gran variedade de produtos que obtemos del, recibiu ao longo de todo o día un gran número de visitantes.
20 persoas participan no curso de poda que, organizado pola concellaría de Medio Ambiente, prolongarase até o 6 de novembro na Aula da Natureza de Bertamiráns. O curso, impartido por Alfonso Touceda Abelleira que é produtor de froita e profesional da agricultura e xardinería ecolóxica, ofrece clases teóricas e prácticas. Por outra banda, retomouse o curso de horta sostible que fora aprazado o pasado outono por mor da COVID19.
O I Circuito de Golf TUR 43 afronta a súa recta final cunha dobre cita para esta fin de semana nas instalacións de Piñeiro que ademais de acoller o sábado,16 de outubre a gran final, será sede dun torneo paralelo que se comezará o venres e para o que xa están inscritos 135 golfistas, a meirande parte deles socios do club ubicado no concello de Ames.
A Aula da Natureza programa para os catro vindeiros sábados un curso de poda. O curso, que se desenvolverá na Aula da Natureza os días 9, 23 e 30 de outubro e o 6 de novembro, será impartido por Afonso Touceda Abelleira, produtor de froita e profesional da agricultura e xardinería ecolóxica, As clases combinarán teoría e práctica de xeito que todos/as asistentes poidan acadar un nivel de coñecementos axeitado para podar con seguridade as súas árbores. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un mail a auladanatureza@concellodeames.gal
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, acompañaron ao subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios no local social de Agrón, onde se lle presentou á veciñanza o proxecto “Aldea Modelo”. A visita tiña como obxectivo informar sobre este modelo de recuperación e posta en valor de terras antigas e abandonadas e recadar as primeiras impresións sobre a proposta. Para que Ferreiros se converta en “Aldea Modelo” os veciños/as deben alugar as súas fincas ao banco de terras. É necesario que, como mínimo, os propietarios do 70% da superficie que forma parte do proxecto estean de acordo. Acordourse coa veciñanza darse un prazo até mediados de outubro para decidir se acepta a proposta.
Captura, esterilización e solta. Estes son os pasos que inclúe o plan Ces para o control das colonias felinas de Bertamiráns instaladas nas rúas Poeta da Maía, Rueiro, Rosaleda, nos solares próximos a Escola Infantil da Galiña Azul e na Aldea de Castrigo. O Plan desenvolvese en colaboración co Refuxio de Cambados e coa axuda das voluntarias que se encargan da alimentación, o coidado e a vixilancia das colonias. Ademais da esterilización, o programa aproveita a captura para desparasitar aos animais.
65 concellos galegos, entre eles o de Ames, participan nesta nova edición do “Proxecto Rios”, unha acción de limpeza simultánea dos leitos fluviais, proposta pola Asociación Adega, que pretende concienciar á cidadanía sobre o estado dos ríos e a necesidade de contribuír ao seu coidado. Os voluntarios/as que desexen participar deben acudir o domingo, 26 de setembro, ás 10:30 horas á praza do Concello onde se establece o punto de encontro. Dependendo do número de voluntarios/as que se apunten, actuarase en distintos tramos dos ríos que pasan polo territorio municipal. Co obxectivo de facilitar aos/ás asistentes un seguro, os interesados/as deben enviar un e-mail a auladanatureza@concellodeames.gal, indicando o nome completo e o D.N.I. Os participantes deberán levar máscara, luvas e respectar as medidas hixiénico sanitarias que ditamina a loita contra a COVID19.
A Aula da Natureza organiza Noite de Estrelas, unha xornada para gozar da astronomía dende o alto de san Marcos. A actividade dirixida a todos os públicos desenvolverase entre as 21:00 horas e as 00:30 do venres 27 de agosto. Para participar é necesario inscrición previa. Podedes anotarvos mandando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.
- ‹ anterior
- 15 de 23
- seguinte ›