Actualidade

Ex., 04-02-2025
Ex., 04-02-2025
Martes, 17 de agosto de 2021
Foto de arquivo dun incendio en Aldea Nova

O risco de incendio forestal en Ames sitúase por riba do 81% segundo a Consellaría de Medio Rural. O tempo seco das últimas semanas e o vento fan que o concello de Ames estea en risco extremo de incendio forestal. Recórdase aos veciños/as a prohibición de realizar queimas nesta época do ano. Pídese, ademais, a colaboración da cidadanía, se ven fume ou lume deben chamar ao 085 ou a Protección Civil no teléfono 673178888.

Martes, 13 de xullo de 2021
Presentación plan de incendios

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, presentou esta mañá no Pazo de Peregrina o Plan de Incendios para o ano 2021 do Concello de Ames. O Plan determina a categoría dos lumes segundo a súa gravidade, contempla os pasos que se deberán dar en cada un dos casos, recolle o inventario de medios propios e concertados dos que dispón o concello, fai un resumo da loxística que se debe seguir e reúne os contactos e teléfonos das persoas e grupos involucrados nesta loita contra o lume.

Mércores, 07 de xullo de 2021
Cabo Ortegal

A Aula da Natureza do Concello de Ames organizou para o vindeiro sábado, 10 de xullo, unha visita á Costa Ártabra. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Sábado, 26 de xuño de 2021
Luces na parroquia de Ortoño

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado do rural. O importe total da licitación é de 1.230.667 euros (IVE incluído) que van ser cofinanciados polo programa operativo FEDER de crecemento sostible e polo Concello de Ames.

Venres, 04 de xuño de 2021
Presentación Festa da Natureza

Xa está todo listo para celebrar a Festa da Natureza na Pravia Fluvial de Tapia o sábado 5 de xuño. A xornada dará comezo, ás 10.00 horas cunha ruta polo Val do Pasos. Para inscribirse débese enviar a un email a auladanatureza@concellodeames.gal. Como acto conmemorativo, realizaras unha solta de alevíns de troitas no río Tambre. Haberá unha xornada de portas abertas de piragüismo, xogos tradicionais e unha gran xincana. Dentro da feira levarase a cabo un encontro intercultural. Durante toda a xornada estarán abertas as mostras de maquinaria e plantas forestais. A xornada rematará ás 18.00 horas coa actuación musical de "Colt 45". Para máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660 004 665. A festa está organizada pola Concellaría de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica en colaboración coas de Deportes e Benestar Social. Haberá servizo de autobuses dende o Milladoiro e Bertamiráns ata a Praia Fluvial de Tapia, e viceversa.

Xoves, 03 de xuño de 2021
Ameixenda

Como acto conmemorativo do Día Internacional do Medio Ambiente, a USC organizou a exposición do traballo “Dende o Pedroso ao Monte San Marcos: Caracterización da paisaxe e percepción da veciñanza, propiedades e visitantes sobre os seus posibles usos”. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, o venres 4 de xuño, de 18.30 a 20.00 horas.

Martes, 01 de xuño de 2021
Festa da Natureza

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, vén de organizar unha xornada para celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente. As actividades comezarán ás 10.00 cunha ruta polo Val do Pasos. Para inscribirse débese enviar a un email a auladanatureza@concellodeames.gal. Durante todo o sábado haberá unha actividade de piragüismo, xogos tradicionais e unha gran xincana. Ademais, levarase a cabo un encontro intercultural entre a veciñanza de Ames e unha solta de alevís de troitas no río Tambre como acto conmemorativo. Durante toda a xornada estarán abertas as mostras de maquinaria e plantas forestais. A xornada rematará ás 18.00 cunha actuación musical. Para máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660 004 665.

Xoves, 27 de maio de 2021
Obras aerotermia

Acaban de rematar os traballos de instalación dun sistema de aerotermia na oficina municipal de Urbanismo e Policía Local do Concello de Ames. Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Dito contrato foi adxudicado  á empresa Climatega SLU por un importe de 34.323,61 euros.

Xoves, 27 de maio de 2021
O alumnado de 4º de Primaria do Agro do Muíño peregrinou ata Santiago dende Ames

A rapazada, xunto coa directora do CEIP, Carmen Liñares, e o concelleiro de Medio Ambiente e Turismo, Manuel Lens, fixo un dos tramos do Camiño da Ría de Muros-Noia. Durante a mañá, o grupo saíu de O Santo para chegar á Catedral de Santiago ás 13.30 horas. Na excursión luciron unha camiseta deseñada por todo/as ele/as nas que se podía ler o lema, tamén creado polo/s cativo/as: “ Día a día facemos o Camiño da Ría”. A actividade forma parte dun estudo sobre as Rutas Xacobeas que o/as alumno/as levan realizado durante todo o curso.

Mércores, 19 de maio de 2021
Limpa a túa finca

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, lembra que os/as propietarios/as de terreos forestais que estean incluídos nas faixas de especial protección de núcleos, teñen ata o 31 de maio para realizar traballos de limpeza nestas fincas. O Concello publicou un bando no que se fai un recordatorio das obrigas dos responsables de terreos forestais contemplados na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia modificadas pola Lei de 7/2012 de montes de Galicia.