Actualidade

Ex., 05-02-2025
Ex., 05-02-2025
Xoves, 10 de decembro de 2020
Proxecto Libera.

O Concello de Ames súmase ao Proxecto Libera co que se pretende concienciar e frear os efectos de abandonar lixo en espazos naturais. Deste xeito, este sábado 12 de decembro organízase “Basuraleza: 1m pola contorna”, unha batida pola zona de Castrigo, en Bertamiráns, para recoller lixo polo monte deste lugar. O prazo de inscrición está a aberto até o venres 11 de decembro, ás 14.00 horas. Débese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 23 de novembro de 2020
Ames elabora un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible co obxectivo de reducir a emisión de gases efecto invernadoiro

O Concello de Ames, cunha achega de 11.000 euros, comprométese co medio ambiente mediante un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Ademais, debido a súa adhesión á iniciativa europea “Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía”, deberá integrar os aspectos relacionados coa mitigación e a adaptación nas políticas, estratexias e plans relevantes no prazo de dous anos a partir da decisión do Concello. Para o desenvolvemento do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable do Concello de Ames (PACES AMES) cóntase co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Martes, 27 de outubro de 2020
Cartaz conmemorativo

Co gallo da EUGreenWeek, a Semana Verde Europea, a empresa Tecalis pediu colaboración ao Concello de Ames para ofrecerlle aos seus empregados algún detalle que axudara na conmemoración deste evento internacional. A concellaría de Transición Ecolóxica preparou unhas bolsas co compost que se elabora mediante os residuos das cociñas e comedores escolares amesáns, un bulbo de xacinto e un folleto explicativo sobre o xeito de sementalo e os coidados requiridos pola planta. Cada un dos corenta traballadores e traballadoras de Tecalis recibiron unha bolsa con estes agasallos.

Venres, 09 de outubro de 2020
Cartaz "Paseos dos cogomelos".

“Paseos de Cogomelos” é o título da actividade proposta pola Aula da Natureza á cidadanía de Ames para este outono. Dúas saídas guiadas no mes de outubro e dúas máis no mes de novembro levarán ás/aos participantes a identificar e recoller cogomelos polas fragas, piñeirais, prados e carballeiras de distintas parroquias de Ames. O prazo para inscribirse está aberto até ás 14 horas do xoves anterior a cada unha das saídas que se desenvolverán os sábados 17 e 31 de outubro e 14 e 28 de novembro. Ofértanse 20 prazas e o correo para anotarse é auladanatureza@concellodeames.gal.

Martes, 06 de outubro de 2020
Manuel Lens e Patricia Reboreda

A veciñanza de Ames terá a oportunidade de participar desde o mes de outubro de 2020 até o mes de abril de 2021 nas rutas-paseo que a Aula da Natureza propón a través do programa “Pegadas”. As fragas do Eume, o bosque de Ames, as terras da Ulloa, o Courel, O río Mandeo, Allariz e a Illa de Sálvora son os destinos elixidos. Todos os encraves posúen unha gran riqueza natural, cultural, patrimonial e etnográfica. A programación complétase cunha ampla oferta de actividades aos centros educativos que abrangue xincanas ambientais, xogos, excursións e exposicións. Ademais, estase desenvolvendo un curso de horta sostible e está previsto un obradoiro de trenzado de palla.

Luns, 05 de outubro de 2020
Reparto de compostaxe.

O Concello, co obxectivo de dar a coñecer o programa “CompostAmes” e mailo uso deste abono natural, reparte entre a veciñanza amesá o compost xerado polos restos dos comedores escolares. Este sábado pasado, 3 de outubro, realizouse o primeiro reparto entregando ata 200 quilos de compostaxe en bolsas de quilo e medio cada unha. Á carpa instalada no mercado de rúa de Bertamiráns, achegáronse veciños e veciñas interesadas no proceso de reciclaxe. As Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación organizarán este mesmo reparto o sábado, 17 de outubro, de 16.00 a 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Ademais, poderase recoller o compost no viveiro municipal de Barouta todos os sábados do mes de outubro, de 16:00 a 19:00 horas.

Venres, 02 de outubro de 2020
Compostaxe municipal.

O Concello de Ames participa no proxecto de compostaxe comunitario municipal dende xaneiro de 2019. Esta iniciativa xurde co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas da Rede municipal de comedores escolares, que xestiona o Concello de Ames. Trátase dun proxecto, deseñado polas Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación, que está supervisado por ADEGA. Co comenzo do novo curso e a incorporación total aos comedores no mes de outubro, comeza un novo ciclo e o reparto da compost por diferentes localidades do concello.

Luns, 28 de setembro de 2020
Recollida de lixo na actividade "Móllate polos ríos".

O Concello de Ames participou este domingo pasado, 27 de setembro, na actividade “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), esta actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. As persoas voluntarias que participaron en Ames estiveron divididas en dous grupos e recolleron 30 quilos de lixo encontrado no rego dos Pasos, na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns e, incluso, se atoparon con electrodomésticos e mobiliario de cociña no río Sar. Neste último tramo, no río Sar, a diferenza do primeiro, no rego dos Pasos, na que se percibiu a mellora na limpeza con respecto ao ano anterior, destacou a cantidade de escombros atopados e o mal estado das augas.

Mércores, 23 de setembro de 2020
Cartel informativo Móllate polos ríos.

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Desde a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 27 de setembro, a partir das 10.30 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Xoves, 17 de setembro de 2020
Cartel curso de horta sostible.

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, a través da Aula da Natureza, organiza un curso de horta sostible, que se desenvolverá durante sete sábados dos meses de setembro, outubro e novembro, no viveiro municipal situado en Barouta. Este proxecto enmárcase dentro do programa de actividades que se van desenvolver no viveiro municipal. Este curso íase a desenvolver durante os meses de primavera, pero tivo que ser suspendido debido ao confinamento declarado polo Goberno do Estado. Agora, desenvolverase tendo en conta as normas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.