Actualidade

Ex., 19-01-2025
Ex., 19-01-2025
Luns, 30 de maio de 2022
A acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030” achégase este martes 31 ao IES do Milladoiro

A Concellaría de Mocidade, en colaboración con EUROPE DIRECT Coruña e a Asociación Ingalicia, punto de información da Rede Europea Eurodesk, desenvolverá este martes 31 de maio a acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030”. O alumnado de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro poderá achegarse de 16:00 a 18:30 horas a catro carpas con diferentes actividades relacionadas co emprego, a formación ou o voluntariado, que se instalarán nos propios exteriores do centro educativo.

Luns, 09 de maio de 2022
O Trouleando de maio promete velocidade e aventura cun descenso polo río Ulla

A Concellaría de Mocidade propón neste mes de maio unha xornada de “hidrospeed” no río Ulla, unha actividade que consiste en descender por augas a bordo dunha táboa acuática flotante coa propulsión dunhas aletas. Será o próximo sábado 21 de maio, nas proximidades de Padrón, con dúas quendas de mañá e tarde dende Bertamiráns e o Milladoiro. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 10 e o venres 13 de maio. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

Sábado, 16 de abril de 2022
Probas e obstáculos do “Humor Amarillo” no Trouleando do mes de abril

A Concellaría de Mocidade continúa co programa Trouleando coa súa cuarta proposta do ano, unha saída a un circuíto de actividades inspirado no programa “Humor Amarillo”. Será o próximo sábado 30 de abril, con servizo de autobús dende o Milladoiro e Bertamiráns. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 19 e o venres 22 de abril.  As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

Luns, 14 de marzo de 2022
Xornada de carreiras e karting no Trouleando de marzo

A Concellaría de Mocidade comparte a terceira proposta de 2022 do programa Trouleando, unha mañá no kartódromo de Valga. Será o sábado 26 de marzo, con servizo de autobús dende o Milladoiro e Bertamiráns. Para participar, cómpre enviar esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre este mércores 16 e o sábado 19. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

Venres, 04 de marzo de 2022
Presentación da banda deseñada “O misterio das pintadas invisibles”

Esta mañá a biblioteca de Bertamiráns acolleu a presentación do cómic O misterio das pintadas invisibles, creado por Tomás Guerrero con motivo do 8M. Esta banda deseñada é froito da colaboración entre as Bibliotecas municipais e mailo departamento de Mocidade. Editáronse 1.600 exemplares desta banda deseñada. Unha parte dos cómics serán repartidos entre todo o alumando que cursa estudos de primeiro a cuarto da ESO do IES de Ames, en Bertamiráns, e do IES do Milladoiro. Outros 300 exemplares repartiranse nas bibliotecas entre as usuarias/os que estean interesadas. Esta actividade enmárcase dentro da programación elaborada con motivo do 8M.

Xoves, 03 de marzo de 2022
40 rapaces e rapazas de Ames gozaron o pasado sábado dunha tarde de paintball

O Trouleando do mes de febreiro foi un éxito. Na saída ao campo de paintball do Eo dos Menecos, en Teo, participaron 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 21 anos e foron moitos e moitas os que quedaron na listaxe de agarda. Ao longo dunhas tres horas a rapazada amesá gozou dunha tarde de diversión, xogo en equipo e contacto coa natureza. A Concellería de Mocidade xa está argallando unha nova edición do Trouleando para o mes de marzo coa que sorprender á rapazada amesá.

Martes, 22 de febreiro de 2022
36 mozas e mozos amesás gozan dunha fin de semana de esquí e neve en Leitariegos

A Concellaría de Mocidade organizou esta fin de semana unha viaxe á estación de invernal de Leitariegos, situada na comarca do Val de Laciana, en León, na que 36 mozos e mozas puideron desfrutar do deporte e da natureza. A excursión, financiada parcialmente pola Concellaría, incluíu desprazamento en autobús, aloxamento e pensión completa, así como acceso ás pistas de esquí, a material e a clases, acompañados por un equipo de monitores. Na saída participaron persoas dos 15 aos 30 anos.

Luns, 14 de febreiro de 2022
O Trouleando prepara para este febreiro unha tarde de paintball

O programa Trouleando da Concellaría de Mocidade de Ames volve en febreiro, cunha saída ao campo de paintball do Eo dos Menecos, en Teo. Será na tarde do sábado 26 de febreiro, das 16:00 ás 19:00 horas, con servizo de autobús dende Bertamiráns e o Milladoiro. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 15 e o venres 18 de febreiro.

Venres, 14 de xaneiro de 2022
Mocidade ofrece unha fin de semana de esquí en Leitariegos

A Concellaría de Mocidade organiza unha saída á estación invernal de Leitariegos, na provincia de León, para persoas de Ames de entre 15 (nados en 2006) e 30 anos. A viaxe terá lugar entre o venres 18 e o domingo 20 de febreiro, cun custe de 150 euros que inclúe desprazamento en autobús, aloxamento, comidas e todas as facilidades para practicar esquí. Nos casos de emerxencia social, a actividade quedará exenta desta taxa. O prazo de inscrición estará aberto unha semana, dende o martes 18 ata o 25 de xaneiro. As prazas adxudicaranse por orde de chegada ás persoas que presenten a seguinte solicitude e a documentación necesaria nos rexistros municipais, preferiblemente a través da sede electrónica do Concello de Ames.

Mércores, 12 de xaneiro de 2022
O programa Trouleando volve este mes de xaneiro cunha serie de mini torneos de eSports

A Concellaría de Mocidade continúa un ano máis co programa Trouleando, tras poñer en marcha sete actividades durante o 2021. Será o sábado 29 de xaneiro, cunha xornada de videoxogos e competicións nun centro de xogos especializado, dentro dun ambiente lúdico e respectuoso. Para inscribirse, cómpre enviar a ficha de inscrición cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal, entre este xoves 13 e ata o próximo mércores 19 de xaneiro. As prazas asignaranse por orde de chegada. A proposta, que terá lugar de 11:00 a 14:00 horas,  contará con servizo de autobuses dende Bertamiráns e o Milladoiro.