Actualidade

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra desde hoxe e ata ao 18 de xuño, cinco audicións previas ao seu concerto de fin de curso, que terá lugar o 20 de xuño no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os estudantes de percusión, guitarra, saxo, piano, canto e frauta mostrarán o aprendido ao longo do curso a familiares e amizades. As audicións desenvolveranse sempre en horario de tarde, na aula 10 da propia EMMA.

Desde hoxe, 27 de maio, e ata o venres 7 de xuño, estará aberto o prazo para que novo alumnado presente as súas solicitudes de praza na Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao vindeiro curso 2024-2025. A inscrición pode realizarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, sen necesidade de solicitar cita previa. Premendo nesta ligazón pódese descargar o formulario de solicitude de praza. Está previsto que as clases comecen o 16 de setembro.

A partir do vindeiro xoves, 2 de maio, estará aberto o prazo para que o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) poida renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2024-2025. A solicitude poderase realizar ata o venres 10 de maio, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude de renovación de praza.

O alumnado de violín da Escola Municipal de Música participará este mércores, 17 de abril, ás 18.30 horas, nunha audición co obxectivo de compartir o que aprenderon ao longo deste curso. Interpretarán pezas de estilos musicais moi variados. En dita audición participará todo o alumnado matriculado nesta especialidade instrumental (23 alumnos/as). A audición realizarase na Aula 10.

A Escola Municipal de Música de Ames organiza durante este mes catro obradoiros musicais diferentes dirixidos a maiores de oito anos. Pensados para grupos de ata vinte persoas, inclúen propostas de batucada, música tradicional, teatro musical e home studio. Teñen un custe de 10 euros, e desenvolveranse nas instalacións da EMMA todos os sábados do mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

O vindeiro sábado, 6 de abril, ás 19:00 horas, terá lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o concerto de música clásica “En clave clásica”. A velada contará coa interpretación e dirección dos artistas do Centro Superior de Música de Galicia, tutelados polo mestre Boris Perrenoud, director da Wiener Musikakademie. Os convites poden retirarse a través da Billeteira electrónica.

A Escola Municipal de Música de Ames organiza no mes de abril catro obradoiros musicais diferentes dirixidos a maiores de oito anos. Pensados para grupos de ata vinte persoas, inclúen propostas de batucada, música tradicional, teatro musical e home studio. Teñen un custe de 10 euros, e desenvolveranse nas instalacións da EMMA todos os sábados do mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo desde hoxe, 26 de febreiro, e ata o vindeiro 15 de marzo, enviando a enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar, un ano máis, unha serie de actuacións co galo do Entroido. Nesta ocasión, terán lugar dous recitais: o primeiro, que se celebrará o vindeiro mércores, 7 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 19:00 horas, contará coa participación dos rapaces e rapazas máis cativos da escola, que están dando os seus primeiros pasos no mundo da música. Doutra banda, o venres, día 9, ás 20:00, actuarán no mesmo lugar aqueles que xa contan cunha ampla bagaxe musical. En total, participarán arredor de 120 alumnos e alumnas.

O alumnado da Escola Municipal de Música celebrará entre o vindeiro mércores, día 31, e xoves 8 de febreiro, unha serie de cinco audicións nas que amosarán os coñecementos adquiridos durante o primeiro semestre de clases. Deste xeito, o alumnado de guitarra, percusión, saxofón, piano, canto e frauta poderá compartir unhas xornadas festivas con compañeiros, amizades e familiares, previas aos concertos de Entroido. As audicións terán lugar nas propias instalacións da EMMA, en Aldea Nova, a partir das 17:30 horas.

Xa está aberto prazo para inscribirse nas últimas prazas que quedan libres na Escola Municipal de Música (EMMA) para o curso 2023-2024. As vacantes son nas disciplinas de violín, música e movemento, e frauta. Aqueles que aínda estean interesados en participar nalgunha destas modalidades poden inscribirse cubrindo esta ficha e enviándoa a través da Sede electrónica do Concello, ou entregándoa nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (en Bertamiráns e no Milladoiro). Ao tratarse dun prazo extraordinario de inscrición, as prazas adxudicaranse por orde de entrada da solicitude en rexistro.
- ‹ anterior
- 2 de 5
- seguinte ›