Actualidade
[06-02-2019] O Concello de Ames informa de que xa está exposta a lista provisional de solicitudes admitidas no programa Entroido Lúdico. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar esta lista, que tamén pode ser consultada nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro.
[06-02-2019] Esta mañá, o edificio CERSIA de Santiago acolleu a presentación dunha nova edición do programa Vives Emprega, no que estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros cívicos de Santiago, Concepción Fernández, e a responsable de oficinas de Acción Social contra el Hambre en Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Madrid, Laia García. A finalidade desta iniciativa, promovida por Acción contra a fame, é facilitar a inclusión sociolaboral de persoas que atravesan unha situación de dificultade para acceder ao mercado laboral. O curso realizarase no Centro sociocultural de Santa Marta.
[06-02-2019] O luns, 4 de marzo, o Concello de Ames celebra a oitava edición da Festa de Entroido. Este ano esta celebración realizarase, a partir das 17:00 horas, no aparcamento da Telleira, que está situado en Bertamiráns. O prazo de inscrición para o concurso de disfraces poderanse realizar ata as 11:00 horas do propio día da Festa de Entroido. No concurso de disfraces repartiranse 3.800 euros, que estarán repartidos nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Ademais, haberá dous premios especiais dotados con 125 euros aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. O grupo de música, Brassica Rapa, creado a finais de 2017, e mailo grupo fundado en Ribeira en 2002, A Compañía do Ruído, porán música a esta festa.
[06-02-2019] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolle este xoves, 7 de febreiro, ás 20:00 horas, o Workshop ‘Que facemos cos residuos? Cidadanía, consumo e sustentabilidade’, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Ecoembes, coa colaboración do Concello de Ames. Esta actividade gratuíta está especialmente dirixida aos comerciantes e entidades ecoloxistas pero está aberta a todas aquelas persoas que desexen asistir.
[05-02-2019] O xoves, 31 de xaneiro, saíu publicada no BOP a convocatoria de axudas para desenvolver accións preventivas coa plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de liñas secundarias para a xestión de biomasa definidas no plan de medidas preventivas fronte incendios forestais no período 2018-2019. Nesta liña de axudas poden participar exclusivamente os/as propietarios/as de fincas, que estean incluídas nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). A esta liña de axudas destínanse 18.000 euros.
[05-02-2019] O pasado venres, 1 de febreiro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse en Bertamiráns cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión, Padrón e Santiago, co obxectivo de seguir avanzando no impulso da ruta rosaliana ‘As pegadas de Rosalía’. Así, durante o encontro pechouse o expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural, avanzouse na creación dunha páxina web propia e perfilouse a programación para o primeiro semestre deste ano.
[05-02-2019] Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, e outros/as concelleiros/as do grupo de goberno e da Corporación municipal, visitaron o PAC de Bertamiráns e as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. O conselleiro anunciou a elaboración dun proxecto para realizar obras de mellora no centro de saúde de Bertamiráns, uns traballos que poderían executarse neste ano 2019. Asemade, anunciou que o novo centro de saúde do Milladoiro está previsto que comece a funcionar cara finais deste ano.
[05-02-2019] Os concellos de Ames, Santiago e Teo poñen en marcha o proxecto #Galegoempresas, un directorio de empresas radicadas nos tres municipios que ofrezan produtos e servizos en galego. Esta mañá tivo lugar a presentación desta iniciativa no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O obxectivo deste proxecto é poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade, e facer un recoñecemento á calidade na atención por parte destes negocios.
[04-02-2019] Máis de 240 persoas participaron este domingo, 3 de febreiro, na proba de resistencia en bicicleta de montaña organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay. A localidade de Bertamiráns acolleu esta proba, que contou cunha duración de tres horas e transcorreu por un circuíto semi-urbano duns sete quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as clasificacións desta proba deportiva.
[04-02-2019] O Concello de Ames vén de executar dous proxectos no lugar de Sura, pertencente á parroquia da Ameixenda, para dotar de rede de saneamento á veciñanza desta aldea amesá, así como mellorou o alumeado público, que consistiu na substitución de 16 puntos de luz, de vapor mercurio de 80 vatios por luminarias LED de 30 vatios. Nestas actuación investíronse preto de 23.000 euros. Estes proxectos foron executado con fondos propios municipais e dentro das partidas destinadas a saneamento e abastecemento.
- ‹ anterior
- 573 de 1376
- seguinte ›