Actualidade

Ex., 28-04-2025
Ex., 28-04-2025
Xoves, 24 de xaneiro de 2019

[24-01-2019] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, a partir das 20.30h, a decimo terceira Gala do Deporte. O evento, organizado pola Concellaría de Deportes, homenaxe ás máis destacadas e destacados deportistas do concello durante o pasado ano, así como as entidades deportivas. O acto, que este ano é apadriñado polo ciclista Gustavo César Veloso, contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera.

Xoves, 24 de xaneiro de 2019

[24-01-2019] O Concello de Ames informa que dende o Grupo Fenosa comunican que, co fin de efectuar traballos de mantemento e desenvolvemento na rede eléctrica necesarios para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministro da zona, vaise a realizar un corte na rede eléctrica o mércores, 30 de xaneiro, de 2.00 a 4.00 horas. Deste xeito, quedarán fora de servizo varias instalacións Avenida da Maía 68, 70, 78, 82; Lg. Aldea Bertamiráns 76; e Ameneiral 18. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o aviso completo.

Xoves, 24 de xaneiro de 2019

[24-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, ten aberto o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Entroido Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 4, 5 e 6 de marzo, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición deste programa, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo, estará aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases, o impreso de inscrición e as tarifas do Entroido Lúdico.

Mércores, 23 de xaneiro de 2019

[23-01-2019] A Concellaría de Cultura do Concello de Ames deseñou para a primeira metade do 2019 unha programación composta por nove pezas teatrais orientadas tanto a un público familiar como a un público máis adulto. Así, a obra Da avaricia, a luxuria e a morte, de Teatro do Noroeste, foi a encargada de inaugurar dita programación o pasado venres. Por diante, quedan oito pezas que se representarán entre os meses de febreiro a abril.

Mércores, 23 de xaneiro de 2019

[23-01-2019] O Pazo da Peregrina acolle este venres, 25 de xaneiro, ás 9.00h, un Foro participativo ao abeiro do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago, impulsado pola Deputación da Coruña. Este proxecto ten como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia. Así, é un plan de acción dirixido a establecer liñas estratéxicas de actuación a nivel provincial. O foro, debido ao seu carácter dinámico, participativo e colaborativo, estará aberto a toda aquela persoa ou entidade que queira participar.

Mércores, 23 de xaneiro de 2019

[23-01-2019] Esta mañá o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, o concelleiro de Educación, David Santomil, a técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, e a técnica de Educación Rosana Martínez, achegáronse ata o viveiro de Barouta para comprobar a posta en marcha do proxecto de compostaxe comunitario municipal. Esta iniciativa xurde co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas escolares do concello de Ames. Trátase dun proxecto, deseñado polas Concellarías de Medio Ambiente e Educación, que está supervisado por ADEGA.

Martes, 22 de xaneiro de 2019

[22-01-2019] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta unha nova edición do curso English Today!! e do curso de monitora e monitor de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes comeza este martes, 22 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o 1 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición de ambas formacións.

Martes, 22 de xaneiro de 2019

[22-01-2019] A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, mediante o Centro de Información da Muller de Ames (CIM), e a ANPA do IES de Ames poñen en marcha este xoves, 24 de xaneiro, unha serie de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades destinado ao alumnado adolescente do centro, co obxectivo de traballar con eles a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais. Os talleres serán impartidos polo grupo de Teatro dxs oprimidxs 100tolas os xoves de febreiro e marzo en horario de 17.00 a 19.00h.

Martes, 22 de xaneiro de 2019

[22-01-2019] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información xuvenil (OMIX), organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos do concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvolverase os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Durante dúas horas á semana impártense clases de reforzo nas áreas de ciencias e letras. Os alumnos/as que estean interesados en participar neste programa aínda están a tempo de apuntarse. Premendo á dereita desta nova, baixo o apartado de descargas, pódese obter o formulario de inscrición para participar nas clases de reforzo.

Martes, 22 de xaneiro de 2019

[22-01-2019] O pasado 8 de xaneiro o Goberno municipal e maila Policía Local asinaron un Preacordo na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, ao abeiro do procedemento establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución e conflitos de traballo (AGA), promovido no Concello de Ames. Posteriormente, o pasado xoves, 17 de xaneiro, asinouse un segundo documento para introducir diversas modificacións no texto do Preacordo acadado o 8 de xaneiro. Dito acordo recolle diferentes pasos a seguir sobre a adecuación retributiva dos postos da Policía Local de Ames.