Avisos

Ex., 14-07-2024
Ex., 14-07-2024
Luns, 10 xuño, 2024
A II Cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, inicialmente prevista para o 14 de xuño, adíase por prognóstico meteorolóxico desfavorable. Finalmente, celebrarase o venres 28 de xuño no Pazo da Peregrina (Bertamiráns), ás 20:30 horas. As entradas poden adquirirse ata o vindeiro 26 de xuño. A aquelas persoas que adquirisen a entrada, pero non poidan asistir nesta nova data, devolveráselles o importe íntegro.
Luns, 10 xuño, 2024
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Xuventude, abre un novo prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2024. Unha vez rematado o prazo de matriculación nos campamentos de infantil e primaria, ábrese un período de matrícula extraordinario entre o 11 e o 20 de xuño para ocupar aquelas prazas que quedaron vacantes. A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).
Venres, 7 xuño, 2024
Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso pódense obter os menús da Rede de Comedores Escolares (almorzos, xantares e merendas). Estes menús foron elaborados pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Venres, 7 xuño, 2024
Premendo na ligazón que está ao pé deste aviso pódese obter o menú das escolas infantís municipais de Ames para esta semana. Este menú foi elaborado pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Xoves, 6 xuño, 2024
O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para a realización de cacharelas na noite de San Xoán (23 de xuño de 2024). No caso dos espazos públicos, o prazo comprende do 5 ao 17 de xuño, ás 13:30 horas; mentres que para os espazos privados será do 5 ao 21 de xuño, tamén ás 13:30 horas. As normas faranse extensivas á celebración de cacharelas/sardiñadas durante todo o mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderá facerse de maneira presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello.
Xoves, 6 xuño, 2024
Xa está aberto o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro. Os interesados/as poden descargar o impreso de solicitude na web municipal (ao pé desta nova ou no apartado de trámites) e deberán envialo cuberto aos enderezos de correo electrónico: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. As piscinas municipais abrirán do 15 de xuño ao 15 de setembro en horario de 11.00 a 21.00 horas. O prazo de solicitude estará aberto ata o 14 de agosto.
Martes, 4 xuño, 2024
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2023-2024). O prazo de presentación de solicitudes empezou o 31 de maio, e remata o 1 de xullo de 2024 (30 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP). A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.
Martes, 4 xuño, 2024
O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público os anuncios de nomeamento de asesora colaboradora para a proba de galego dos procesos selectivos dunha praza de oficial de obras e servizos básicos e dunha praza de conserxe de centros de ensino. Trátase de prazas por concurso-oposición do art. 2.1 da lei 20/2021 incluídas na oferta extraordinaria de emprego público de 2022 (estabilización). Previamente publicáronse os anuncios publicados no BOP de catro procesos selectivos para cubrir as prazas de estabilización de emprego temporal incluídas na oferta de emprego público de 2022 por concurso-oposición.
Martes, 4 xuño, 2024
O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público os anuncios de contratación laboral dun/dunha peón e capataz para a brigada de prevención de lumes forestais do Concello de Ames (APROL Rural). Previamente publicáronse as bases de ditos procesos selectivos.
Luns, 3 xuño, 2024
O Concello de Ames, a través do departamento de Educación, informa sobre o anuncio de revogación do resolvo terceiro do Decreto 933/2024 polo que se aproban as prazas de prescrición e emerxencia social dos servizos complementarios de educación para o curso 2024/2025.