Pestanas principais

Departamento de Promoción Económica e Emprego

Novas do departamento

A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir o xoves, 17 de novembro, ás 20.00 horas, unha charla para tratar de entender a factura da luz. A charla impartirase na Casa dos Maiores do Milladoiro. Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). A través desta xornada facilitaráselle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) impartirá mañá, mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, unha nova charla para tratar de entender a factura da luz. Desta volta, a actividade, que no mes de novembro xa se celebrara no Milladoiro, terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. A charla, enmarcada no acordo que manteñen o Concello de Ames e a UCGAL, busca facilitarlle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.

A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir dúas charlas informativas sobre comisións e custos bancarios, e acceso e funcionamento da banca electrónica. A primeira charla terá lugar o 11 de decembro, ás 16:00 horas, no Centro de maiores de Bertamiráns; e a segunda será o xoves 14 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro de maiores do Milladoiro. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

Unha vez rematado o estado de alarma e superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, os/as técnicos/as da Unión de Consumidores de Galicia volverán a atender, de forma presencial, á veciñanza amesá nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro. O servizo de asesoramento da UCGAL enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

No ano 2020, a Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, recibiu 262 consultas dos veciños e veciñas de Ames, das que 21 derivaron en reclamacións. En total, o importe das cantidades recuperadas, ou evitadas, nas reclamacións que tramitou a Unión de Consumidores de Galicia nas súas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, ascendeu a máis de 84.000 euros. A UCGAL recomenda neste momento reclamar ás entidades bancarias os gastos derivados da tramitación das hipotecas.

O Concello de Ames organizou hoxe venres, 26 de xaneiro, a terceira edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames, que se desenvolveu no pavillón polideportivo do Milladoiro, e na que estiveron presentes grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. A finalidade deste evento foi poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas, e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Durante toda a xornada participaron o alumnado e profesorado dos centros de ensino amesáns de primaria e secundaria, dez empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa e representantes das tres universidades galegas. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes do InnovAmes.

O Concello de Ames acolleu neste venres, 7 de marzo, a quinta edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrou no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que estiveron presentes diferentes empresas do noso concello referentes nos ámbitos da innovación ou da tecnoloxía. Desta volta, unha das principais temáticas que se trataron foi a sostibilidade no mundo empresarial na actualidade e as posibilidades e capacidades da innovación local. Nesta edición participaron máis de vinte empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa, representantes das Universidades de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo, e alumnado dos centros educativos de Ames.

Dende a Concellaría de Promoción Económica informan de que por mor das predicións meteorolóxicas que dan choiva para mañá martes, 13 de setembro, vaise adiar a xornada de “Volta ao cole co comercio” para o mércores 21 de setembro en Bertamiráns. Trátase dunha campaña para dinamizar o comercio e a hostalaría local no comezo do curso lectivo. A iniciativa ofrecerá actividades ás nenas e nenos de 3 a 11 anos, das 17:00 ás 19:00 horas, e á mocidade dos 12 aos 18, das 19:00 ás 21:00 horas. Haberá diferentes actividade lúdicas e sortearanse diferentes premios. Esta actividade realizouse o venres 9 de setembro no Milladoiro, onde participaron un gran número de nenos e nenas.

Este xoves, 14 de novembro, celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a adxudicación do expediente de subministro, instalación, conexión, mantemento e desmontaxe do alumeado de Nadal e outros elementos decorativos da campaña de Nadal. Este servizo foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas SL por un importe de 47.250,50 euros. A duración inicial será dun ano, podendo prorrogarse por un ano máis.

Na Xunta de Goberno Local celebrada o 19 de agosto de 2021 aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento negociado sen publicidade do servizo de redacción de proxecto e dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde da construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e persoas en risco de exclusión social no Milladoiro que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Eventos del departamento

O espazo colaborativo “A Proa” organiza para o mércores, 15 de xuño, ás 18.00 horas, unha nova actividade denominada “Presencia dixital para emprendedores: web, redes e ads”. As coworkers do Espazo A Proa, Isabel Viñas del Río (deseñadora web en Impulsa Dixital), e Luján Kubrusli (deseñadora multimedia en Kubrusli), van a presentar o seu primeiro taller no Espazo. A temática é a presencia dixital para emprendedores. Os/as coworkers usuarios/as do Espazo tiveron a oportunidade de formular preguntas ás poñentes que serán resoltas neste taller. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde premendo nesta ligazón.

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar anunciaron ao Concello de Ames que visitarán as vilas do Milladoiro e Bertamiráns o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. Co fin de que poidan recibir a todas as nenas, nenos e maiores que se queiran achegar a velos respectando as medidas sanitarias, o Concello habilitará os pavillóns polideportivos de ambos núcleos. Para acceder, cada unidade familiar debe solicitar cita previa a través da sede electrónica do Concello, premendo nesta ligazón. A rapazada que non poida asistir ás Recepcións Reais por mor dun confinamento por coronavirus poderá solicitar que os Reis lles envíen un pequeno agasallo aos seus domicilios, deixando os seus datos persoais no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

O Concello de Ames está organizando unha Gran Festa de Reis na que se recibirá a visita das Súas Maxestades de Oriente. Entre as actividades previstas hai unha recepción real que se fará o martes 3 e mailo mércores 4 nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Os Reis Magos estarán os dous días en ambas localidades. As visitas aos Reis Magos pódense facer de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Para participar en ditas recepcións reais é imprescindible sacar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames.

A semifinal do concurso Canta con Ames será o 4 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. A ela terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.  O venres 4 tamén actuarán no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, as artistas Thais Suki, Sofía Rial e Catuxa Salom, ás 12:30 horas.

O espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acollerá o vindeiro martes, 28 de marzo, a xornada “O Digital Journey Map”, unha iniciativa organizada dende o coworking da Cámara de Comercio de Santiago. A sesión estará orientada a coñecer as claves e beneficios da transformación dixital para mellorar a competitividade da empresa a través da incorporación de distintas tecnoloxías existentes no mercado. Deste xeito, traballarase coa ferramenta “Digital Journey Map” para deseñar e incorporar a dixitalización nas distintas fases de actividade da empresa. O encargado de impartir o obradoiro será Pablo López, coach de directivos empresariais. Preme nesta ligazón para inscribirte. 

O espazo de coworking A Proa, no Milladoiro, organiza para o vindeiro martes, 21 de marzo, o taller “Palabra generadora: aprende a escribir connosco viaxando ao teu pasado”. Trátase dun obradoiro sobre escritura, que correrá a cargo de Gilgleide Kika. Terá lugar ás 10:30 horas, nas instalacións da Proa. A entrada é de balde, e os interesados en asistir poden inscribirse premendo nesta ligazón.

O espazo coworking A Proa celebra o mércores 29 de marzo un taller de produción de documentais, que estará dirixido por Andrés Rozados. A sesión consistirá nunha exposición de 30 minutos na que se abordarán os seguintes puntos: a idea, o público e destino desa idea, o orzamento e plan de financiamento, a importancia dos protagonistas, a contorna e a sensibilidade e o proceso e o fin. Posteriormente proxectarase o Entroidar, un documental sobre o Entroido de Laza que ten unha duración de 70 minutos. Así mesmo, haberá un tempo de rogos e preguntas. 

O espazo colaborativo “A Proa” organiza para o mércores, 5 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova actividade denominada “Taller de seguridade informática nas PEME”. Este obradoiro íase a impartir o pasado 16 de setembro, pero tívose que adiar. Deste xeito, tras un breve parón durante os meses de xullo e agosto, retómanse as actividades no centro de coworking A Proa. O coworker Rafael Yáñez, promotor do proxecto Impulsa Dixital (xunto a súa compañeira Isabel Viñas), será o encargado de impartir dito taller. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde premendo nesta ligazón.

Os Reis Magos visitarán o xoves 5 de xaneiro as distintas parroquias do Concello de Ames, de 10:00 a 14:00 horas. A partir das 17:00 horas terá lugar a cabalgata no Milladoiro, que se estenderá ata as 18:00 horas e rematará cunha festa no pavillón municipal coa actuación de María Fumaça. De 19:00 a 20:00 horas celebrarase en Bertamiráns, e as Súas Maxestades tamén finalizarán no pavillón, onde se desenvolverá a actuación de Pesdelán.

Papá Noel visitará Ames os días 23 e 24 de decembro. O sábado 24 pasará pola praza da Maía, en Bertamiráns, onde estará de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas. Os cativos e cativas que acudan terán á súa disposición un fotomatón e recibirán un regalo. Haberá carpa.