Actualidade

Ex., 27-04-2025
Ex., 27-04-2025
Sábado, 12 de abril de 2025
Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local

Dende hoxe, sábado 12 de abril, xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP da xornada de onte, venres 11 de abril, co cal o prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende o día seguinte de dita publicación, polo que estará aberto ata o 11 de maio. O importe desta convocatoria de subvención é de 40.000 euros: 33.000 euros para a promoción comercial e 7.000 euros para infraestruturas e equipamentos. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC).

Venres, 11 de abril de 2025
Imaxe da presentación do novo servizo 24/365, que comezará a prestar dende o vindeiro luns, 21 de abril, a sala de estudo do Milladoiro

O alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García, así como o técnico e a animadora á lectura das bibliotecas municipais, Xoán Manuel Pérez e Divina Fernández, presentaron esta mañá o novo servizo 24/365 que comezará a prestar dende o vindeiro luns, 14 de abril, a sala de estudo do Milladoiro. Deste xeito, tanto na sala de estudo do Milladoiro como na de Bertamiráns instalouse un novo sistema de lectura de códigos QR, que permite entrar e saír destas salas de estudo cando os/as usuarios/as necesiten empregar estas instalacións. Xa se poden solicitar os códigos QR de accedo ás salas de estudo municipais. Pódese solicitar de xeito telemático cubrindo este formulario e enviando por correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Os códigos QR comezarán a enviarse o luns 14 de abril.

Venres, 11 de abril de 2025
Blas García trasládalle a María Martínez Allegue as necesidades do Concello de Ames en materia de vivenda, infraestruturas e seguridade viaria

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, mantiveron este xoves, 10 de abril, unha xuntanza coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. En dito encontro o rexedor municipal trasladoulle diversas necesidades do Concello en materia de vivenda, infraestruturas e seguridade viaria.

Venres, 11 de abril de 2025
A oitava edición do Enreguéifate premia o vídeo do IES do Milladoiro de Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”

Alumnado do IES do Milladoiro acaba de recibir un dos premios da categoría escolar da oitava edición Certame Enreguéifate, o premio á regueifa máis inclusiva, polo traballo realizado en colaboración co CEE Manuel Navalón. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación. 

Venres, 11 de abril de 2025
Participa nas xornadas “Achégate ao piragüismo” de Semana Santa

O Club Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza para o mércores 16 e o xoves 17 de abril, coincidindo coa Semana Santa, unhas xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverán no lugar de Ponte Ínsua - Ons (Brión), entre as 11:00 e as 13:00 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo info@ribeirasdotambre.es. Estas xornadas son gratuítas e non hai límite de prazas.

Xoves, 10 de abril de 2025
Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!

Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia que o Concello de Ames e a Real Academia Galega desenvolven, é unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Os galardóns recoñecen outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G.

Xoves, 10 de abril de 2025
Este domingo, 13 de abril, realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en Paz” no Hotel Congreso

O Hotel Congreso, situado no concello de Teo, acollerá o vindeiro domingo, 13 de abril, ás 11:00 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Ademais de coñecer o programa, as familias que o desexen poderán inscribirse para acoller a un neno ou nena durante este verán. Así mesmo, tamén se pode chamar aos números de teléfono 678 727 382 / 986 262 637 ou escribir ao enderezo electrónico asociacionsogaps@yahoo.es para recibir máis información sobre a iniciativa.

Mércores, 09 de abril de 2025
Zona Franca de Vigo e Concello de Ames estudan vías de colaboración

O alcalde de Ames, Blas García, vén de reunirse co Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, no marco da visita institucional que este realizou ao Concello de Ames para estudar vías de colaboración entre as administracións, destacando en primeiro lugar as conversas mantidas para a construción do polígono empresarial de Bertamiráns. O Goberno local recibiu ao Delegado no salón de Plenos da Casa do Concello.

Mércores, 09 de abril de 2025
Continúan as xornadas do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido” cunha nova sesión de divulgación este xoves

Este xoves, día 10 de abril, o Centro Cultural Mahía acollerá, ás 19.30 horas, a terceira sesión do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”. Desta volta, Paula Lijó Marcote, farmacéutica experta en pel e menopausia, impartirá o relatorio “Máis alá da pel e as mucosas”. A entrada será libre ata completar aforo e pode achegarse calquera persoa interesada en participar.

Mércores, 09 de abril de 2025
A unidade móbil de doazón de sangue estará os días 10 e 11 de abril en Bertamiráns

A unidade móbil de doazón de sangue estará este xoves 10 e venres 11 de abril, en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención os dous días será de 15:30 a 21:00 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.