Actualidade

Ex., 28-04-2025
Ex., 28-04-2025
Mércores, 30 de outubro de 2019
Exposición de cabazas

Con motivo da celebración do Samaín, a partir de hoxe exporanse máis de 300 cabazas na Casa da Cultura e na Biblioteca de Milladoiro. Pertencen aos alumnos e alumnas do CEP de Ventín, coa colaboración da ANPA do mesmo centro.

Martes, 29 de outubro de 2019
Imaxe Casa do Concello

A Xunta de Goberno Local ven de aprobar o expediente de licitación, para a contratación dunha operación de préstamo, por importe de 312.127 euros, para o financiamento de actuacións incluídas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI. Estas actuacións teñen un custe total de 1.248.509,12 euros, dos cales o Concello sufraga 312.127,29 euros, e o importe restante, 936.381,87 euros, son sufragados con cargos aos fondos FEDER que lle foron concedidos ao Concello de Ames. Estes proxectos recollen actuacións urbanísticas, de mellora do alumeado público, asistencia social, sociedade da información e patrimonio municipal.

Martes, 29 de outubro de 2019
Lingua e empresa 1

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, pon en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata este xoves, 31 de outubro, por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Martes, 29 de outubro de 2019
Cartel Aula CeMIT

Durante os meses de novembro e decembro a Aula CeMIT de Ames da comezo a unha programación na que, ademais de seguir co ciclo de Ofimática, inicia outros cursos de formación tecnolóxica en diversos ámbitos: móbiles,  administración electrónica, edición de imaxes ou compras seguras a través de Internet. Ademais en decembro tamén haberá un novo nivel no curso de informática para menores de idade.

Luns, 28 de outubro de 2019
Imaxe da Casa do Concello

Este xoves, 31 de outubro, realizarase o pleno ordinario do mes de outubro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. Tamén se tratará a revisión ordinaria do canon principal e do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo; a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil; a proposta de revogar parcialmente o acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación da Coruña; a modificación das ordenanzas fiscais do ICIO e do IBI; e sobre dous expedientes de investigación patrimonial e un expediente de deslinde. Estes temas foron previamente tratados este luns, 28 de outubro, nas comisións informativas.

Luns, 28 de outubro de 2019
Obradoiro lingua e cultura

Un grupo de 20 persoas participou, durante este mes de outubro, nunha nova edición do obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento!” que se desenvolveu no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, pretendeuse que os/as participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración. Este mesmo obradoiro vaise desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro a partir da próxima semana, cun grupo de 25 persoas.

Luns, 28 de outubro de 2019
XIV Festival de Maxia de Ames

Este domingo deuse por clausurada a décimo cuarta edición do Festival de Maxia de Ames, que se desenvolveu dende o luns 21 ao domingo 27 de outubro. O festival, organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña e Abarajar Producciones, contou con arredor de 1.000 asistentes aos espectáculos máxicos que se desenvolveron durante a fin de semana, nos que houbo obradoiros, o espectáculo “Momentos Máxicos co Mago Rafa” e catro sesións da Gala Máxica Internacional.

Sábado, 26 de outubro de 2019
Imaxe da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro

O alcalde de Ames, Jose Miñones, vén de reunirse na Coruña a semana pasada coa xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico de cara a tratar diversos asuntos referidos á N-550, ao seu paso polo Milladoiro. Nesta reunión o rexedor municipal trasladoulle o interese que o Concello ten nunha futura transferencia da N,550 de cara a poder levar a cabo a humanización da avenida Rosalía de Castro. Nesta xuntanza tamén falaron sobre o control do tráfico pesado ao paso polo núcleo urbano.

Sábado, 26 de outubro de 2019
O Concello de Ames participou no Encontro Internacional: O Vákner, un monstro do medievo no camiño de Fisterra e Muxía

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, participaron o pasado 18 de outubro no Encontro Internacional. O Vákner, un monstro do medievo no camiño de Fisterra e Muxía, celebrado no concello de Dumbría. Ames é un dos concellos polos que discorre o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía. Existe constancia deste monstro, O Vákner, grazas a un bispo de Armenia que peregrinou no século XV durante oito anos dende o seu país ata Fisterra. Este bispo deixou constancia da presenza dun monstro nos montes situados entre Compostela e Fisterra, ao que chamou O Vákner, e que asaltaba aos peregrinos.

Venres, 25 de outubro de 2019
Prazo extraordinario Escola Municipal de Música de Ames

A Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, abre un prazo de inscrición extraordinario con motivo do inicio do curso 2019/2020. Desta maneira preténdese dar outra oportunidade aos interesados en inscribirse nalgunha das materias con prazas libres:  Música e Movemento con 5 prazas, Frauta con 1, Violín con 6 e Guitarra con 4. O período está dispoñible ata cubrir prazas.