Actualidade

Ex., 27-04-2025
Ex., 27-04-2025
Venres, 25 de outubro de 2019
Mostra memoria histórica IESP de Ames

O IES Plurilingüe de Ames acolle ata finais deste mes a exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis”. Esta, ten como protagonistas a Joaquín Balboa, republicano galego deportado a Mauthausen, Antonio Pérez, que foi deportado a Buchenwald, e as mulleres republicanas que foron membros da Resistencia en Francia. De pretensión didáctica, a exposición está formada por diversos paneis con información para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos protagonistas.

Venres, 25 de outubro de 2019
Cartel XIV Festival de Maxia de Ames

Despois de toda unha semana repleta de espectáculos infantís para máis de 3.000 escolares nos distintos centros de ensino do concello, chega unha fin de semana cargada de maxia. As Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns acollerán diferentes eventos do XIV Festival de Maxia de Ames, como o espectáculo “Momentos Máxicos co Mago Rafa”, obradoiros e varios pases da Gala Máxica Internacional.

Xoves, 24 de outubro de 2019
O Concello de Ames participou na degustación final organizada polo GDR Terras de Compostela

Dende a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural, están a levar a cabo o proxecto “A gastronomía fai camiño” que forma parte do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta de Galicia. Esta mañá no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, realizouse a presentación de dito proxecto e unha degustación final, na que participou a Restaurante Casa Abelleira, de Bertamiráns, cos seus famosos chicharróns Val da Maía. Por parte do Concello de Ames asistiron o alcalde, José Miñones, e maila técnica de Turismo, Sonia Moure.

Xoves, 24 de outubro de 2019
Xornada de formación do IX Concurso radiofónico

Os participantes do IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” asistiron hoxe pola mañá a unha xornada de formación conxunta. A xornada desenvolveuse de 11.00 a 13.00 horas da mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, e nela participaron 104 alumnos de ESO do IES do Milladoiro e do IES de Ames (Bertamiráns), cun incremento de participantes con respecto a outros anos. Este ano presentáronse 33 grupos (8 grupos do IES Milladoiro e 25 grupos do IES de Ames).

Xoves, 24 de outubro de 2019
A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación das obras de saneamento nos lugares de Suevos e Sorribas

Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado con un único criterio de adxudicación, das obras de saneamento en Suevos e Sorribas, incluídas no POS 2019. Ademais, aprobouse o expediente de licitación para a contratación dunha operación de préstamo, por importe de 312.127 euros, para o financiamento de actuacións da EDUSI; e o expediente de modificación do contrato do servizo de monitoraxe na Rede de Comedores Escolares, para o curso 2019-2020, debido ao aumento de usuarios/as.

Mércores, 23 de outubro de 2019
A veciñanza amesá ten dereito a intervir nos Plenos municipais

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Administración Xeral, vén de poñer en marcha un novo procedemento administrativo para que os veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, poidan intervir nas sesións do Pleno municipal. Este proceso é posible grazas a elaboración do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, que foi aprobado no pleno ordinario do pasado mes de febreiro e publicado no BOP do 8 de maio de 2019. Na web municipal, dento do apartado de Atención Cidadá, Participación, Dereito á participación, están a disposición da veciñanza dous modelos (un para persoas individuais e outro para asociacións) para solicitar a súa participación no Pleno. Tamén existe un banner no pé da web municipal que dá acceso a este apartado.

Mércores, 23 de outubro de 2019
Cartel da segunda edición do Premio Lingua e Empresa

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, puxeron en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 31 de outubro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Mércores, 23 de outubro de 2019
Cartel Día das Bibliotecas

Este xoves, 24 de outubro, conmemórase o Día da Biblioteca. Para elo o departamento municipal de Bibliotecas do Concello de Ames organizou unha programación especial para a súa celebración. Entre as actividades programadas hai recomendacións de libros, contacontos para nenos e nernas e premios aos “superlectores/as” das bibliotecas de Ames.

Martes, 22 de outubro de 2019
Membros do goberno municipal visitaron o núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia

Membros do goberno municipal visitaron o núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia, para comprobar o estado no que quedaron os viarios nos que se executaron obras de mellora. Estas obras foron adxudicadas á empresa SYR-AMG SL por un importe de 79.810 euros, IVE incluído. Este proxecto sufragouse a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”.

Martes, 22 de outubro de 2019
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro

Por terceiro mes consecutivo, o centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou máis de 600 visitas. Durante o pasado mes de setembro rexistráronse un total de 639 entradas, preto das 686 do pasado mes de agosto, número máximo de entradas por mes dende que se inaugurou en xaneiro de 2007. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.