Actualidade

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, realizarase a limpeza duns 2.000 metros de cauce de tres ríos diferentes: Sar, Ameneiral e Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 29 de setembro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata este venres 27, ás 14.00 horas, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro.

Este xoves, 26 de setembro, realizarase o pleno ordinario do mes de setembro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do suplemento de crédito 2/19, financiado con remanente de tesourería, para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking; a adhesión á Central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); a aprobación do proxecto modificado da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos; e maila proposta do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, relativa á instauración dunha hora sen ruído en todas as festas do Concello de Ames. Estes temas foron previamente tratados o pasado venres, 20 de setembro, nas comisións informativas.

A asociación Otro Tiempo achegará a Ames a realización duns obradoiros de competencias dixitais para mulleres, que se desenvolverán en Bertamiráns, do 30 de setembro ao 10 de outubro, e no Milladoiro, do 21 ao 31 de outubro. En ambos casos, o horario será de 09:30 a 13:30 horas. Os obradoiros buscan ofrecer a posibilidade de que as participantes reforcen as súas competencias a nivel dixital para facilitar o proceso de búsqueda de emprego. Asemade, desenvolverase un traballo de empoderamento persoal e profesional de mulleres rurais e acompañarase ás mulleres no seu proceso de saída do aillamento social. Os cursos son de balde e pódense facer as inscricións cubrindo a ficha que atoparás ao remate desta nova e remitíndoa ao enderezo electrónico cim@concellodeames.gal. Para calquera dúbida ou máis información, pódese chamar ao número de teléfono 699080821. Este proxecto está co-financiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad e a Fundación bancaria La Caixa, e conta coa colaboración do Centro de Información á Muller do Concello de Ames.

Esta tarde o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Protección Civil, Blas García, o director xeral de Emerxencias e de Interior, Santiago Villanueva, e mailo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixeron entrega no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, dos carnés de voluntarios/as aos membros da Agrupación de Protección Civil de Ames. Neste acto tamén participaron outros membros do goberno municipal, así como dos partidos políticos con representación na Corporación municipal. Na actualidade, a Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames está formada por un grupo de 34 persoas, que están divididas en catro grupos de traballo.

O pasado sábado, 21 de setembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a cerimonia de entrega dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e, para o acto de entrega, tamén do Concello de Pontevedra. Como programa máis innovador recoñeceuse o proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames xunto a 12 concellos máis, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. A dita cerimonia acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e maila técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu de mans do ministro en funcións de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” de 2018. O auditorio do Palacio de Congresos de Castellón acolleu a cuarta convocatoria destes galardóns que o Ministerio concede, a través da Red Innpulso, ás cidades que destacan por promover a innovación nos seus territorios, definindo políticas e potenciando estruturas, institucións e empresas locais cun forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador. O Concello de Ames logrou este distintivo xunto a Onda, Benidorm, Paterna, Barcelona, Castelló, Vigo e Eibar. Ames foi merecedor de tal distinción gracias á presentación do proxecto Innov@mes. O Concello pasa a formar parte así dos 72 Concellos que conforman a Red Innpulso e dos 5 de toda Galicia con Vigo, Coruña, Santiago e Riveira.

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizaron este sábado pasado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha travesía a nado composta de tres probas para un total de cinco categorías. Nesta proba deportiva participaron unhas 78 persoas. Na categoría absoluta gañaron Borja Álvarez e Claudia Silva. A primeira edición da Tapia Swinway contou coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

O Concello de Ames desenvolveu a pasada semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrou do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, circular e camiñar de forma segura, houbo actividades reivindicativas e de seguridade viaria, charlas nos institutos do concello, un concurso de debuxo, marchas e andainas familiares, etc. As actividade de Conduce seguro en bico pola cidade e Marcha familiar en patinete, patíns, skate, camiñando..., prevista para o sábado, houbo que suspendelas debido as inclemencias meteorolóxicas.

A Casa do Concello acolleu este luns, 23 de setembro, a presentación da I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”, un evento solidario que se desenvolverá o sábado, 12 de outubro, na zona da Casa da Cultura do Milladoiro. A Asociación Ángeles caídos sobre ruedas e o grupo Bikersolitari@s, en colaboración co Concello de Ames, organizan esta xornada na que haberá un mercadillo e cea solidaria, diferentes exposicións, exhibicións e música. Na presentación do evento estiveron a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, o concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e Juan Lojo, do grupo Bikersolitari@s e organizador de eventos solidarios, acompañado dun dos padriños da cea solidaria, Jorge Casal.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, durante os meses de setembro e outubro impartiranse un total de seis talleres formativos. O primeiro impartirase este mércores, 25 de setembro, e xirará en torno á idea de negocio e a proposta de valor.
- ‹ anterior
- 515 de 1376
- seguinte ›