Actualidade

Ex., 08-04-2025
Ex., 08-04-2025
Mércores, 01 de xaneiro de 2025
Concerto de Reis

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, organiza este sábado 4 de xaneiro o Concerto de Reis, unha actividade enmarcada dentro da programación do Nadal en Ames. O recital terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.00 horas. Os convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. A entrada será de balde ata completar aforo. 

Mércores, 18 de decembro de 2024
Xa se poden adquirir na Billeteira electrónica os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2025

Desde este mércores, 18 de decembro, xa están á venda os bonos culturais da programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2025. Cun custo de 25 euros, este bonos supoñen un desconto do 50% do importe total das entradas das funcións programadas para adultos. A Concellería de Cultura pon a disposición da veciñanza 50 bonos, que poderán adquirirse ata o 7 de xaneiro de 2025, ou ata fin de existencias, na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Dende a Concellaría de Cultura anímase á veciñanza a que regale cultura a través de ditos bonos. Pódese consultar a programación cultural completa premendo nesta ligazón. Ademais, realizáronse melloras nas funcionalidades da Billeteira electrónica co obxectivo seguir impulsando esta aplicación e que vaia máis alá da venda de entradas.

Luns, 16 de decembro de 2024
O Concello de Ames presenta a súa programación de artes escénicas para o primeiro semestre de 2025

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas do concello para o primeiro semestre para este vindeiro 2025, formado por trece espectáculos de teatro, danza e circo. As entradas poderán adquirirse a partir do vindeiro mércores 8 de xaneiro a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. Ademais, tamén de habilitarán os bonos culturais e descontos para múltiples colectivos de persoas. Pódese consultar a programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano na seguinte ligazón

Luns, 16 de decembro de 2024
Os Castros, Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Requinta da Maía protagonizaron o concerto de Nadal

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado domingo, 15 de decembro, o tradicional concerto de Nadal no que actuaron diferentes grupos de baile e música tradicional do noso concello. O evento, enmarcado dentro da programación de Nadal en Ames, estivo protagonizado pola actuación de Os Castros, Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e a Requinta da Maía (A. C. Follas Novas).

Mércores, 11 de decembro de 2024
Todas as agrupacións que participaron na Mostra de Teatro Afeccionado

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolveu ao longo da semana pasada a Mostra de Teatro Afeccionado, unha actividade que se retomou tras a súa última edición no 2019. O ciclo de teatro acolleu finalmente catro representacións teatrais a cargo dos grupos de teatro de Teo, Brión, Outes e Ribeira, tras a cancelación da representación do grupo de teatro de Ames. En total, máis de 400 persoas asistiron ás obras interpretadas nestas xornadas teatrais. Desde a organización amósanse moi satisfeitos coa gran acollida que tivo a volta desta actividade á programación cultural de Ames.

Luns, 02 de decembro de 2024
Ames programa a Mostra de Teatro Afeccionado para os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e mailo local social de Bugallido acollerán, os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, cinco representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Domingo, 01 de decembro de 2024
Máis dun centenar de persoas asistiron ás proxeccións do programa Cine de Outono 2024

Este pasado martes 26 de novembro pechouse o ciclo Cine de Outono 2024, unha iniciativa deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames, e que ofertou ao longo de todo o mes de novembro diferentes longametraxes con selo galego e en lingua galega. Nesta ocasión, os filmes que se proxectaron neste ciclo de cinema foron As Neves, +Cuñados e Os Espazos en Branco. En total, participaron 154 persoas no Cine de Outono.

Mércores, 27 de novembro de 2024
Camila Bossa e Luis Iglesia protagonizan "Testosterona"

O Concello de Ames finaliza este venres 29 de novembro a súa programación teatral deste segundo semestre do 2024, deseñada polo departamento de Cultura, coa representación da obra “Testosterona”, de Malasombra Producións, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo pecha o programa de artes escénicas do municipio destes derradeiros meses do ano e súmase así ás obras xa representadas este pasado mes de outubro, “Geometría del alma” e “Go Home”. Este espectáculo enmárcanse dentro da programación da Rede Galega de Teatros, subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Mércores, 27 de novembro de 2024
Mellóranse as infraestruturas de artes escénicas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, está executando unha actuación para mellorar as infraestruturas das artes escénicas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nunha primeira fase modernizouse o sistema de iluminación, mentres que na segunda executarase a modernización do sistema de son e vídeo. Dito proxecto está cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do Regulamento (Unión Europea), número 2021/241, convocados para o ano 2024.  En 2022 tamén se melloraron as instalacións do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. En total, en ambas actuacións, vanse investir 112.789,86 euros.

Martes, 26 de novembro de 2024
500 persoas asistiron en Ames aos concertos da semana da música pola Santa Icía

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Cultura, desenvolveu esta pasada semana as actividades culturais programadas na honra da Santa Icía, a patroa dos músicos, ás que asistiron arredor de 500 persoas entre todos os concertos. Deste xeito, celebráronse varios espectáculos musicais e un de danza que puxeron en valor os talentos musicais afincados no noso concello e tamén os talentos emerxentes das nosas agrupacións musicais municipais.