Actualidade

Ex., 30-01-2025
Ex., 30-01-2025
Mércores, 04 de decembro de 2024
Máis de 2.000 escolares participaron en Ames na fase comarcal do Campionato de Cros Xogade

O circuíto de campo a través de Aldea Nova acolleu nas xornadas deste martes 3 e mércores 4 de decembro a fase comarcal do Campionato de Cros Xogade, que está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo, e no que colaborou o Concello de Ames. Nestas dúas xornadas participaron 2.050 rapaces e rapazas, que cursan estudos de educación primaria e secundaria, de 20 centros escolares de Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Vedra, Oroso, Boqueixón, Teo, O Pino, Touro, Frades e Melide.

Sábado, 23 de novembro de 2024
O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Verónica Fernández, campioa de España de boxeo elite

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, realizáronlle este pasado venres pola tarde unha recepción institucional a Verónica Fernández, que se proclamou campioa de España de boxeo elite no pasado mes de xullo. Fernández, que actualmente adestra no Club Antelo Team do Milladoiro, proclamouse campioa desta categoría tras derrotar na final á cántabra Paola Benavides. A deportista amesá estivo acompañada de familiares e amigas.

Xoves, 21 de novembro de 2024
Participa na andaina saudable que percorre a primeira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza unha nova camiñada na que se vai percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Esta nova actividade comeza o vindeiro sábado, 30 de novembro, coa primeira etapa na que se vai percorrer o tramo de Santiago ata A Ponte Maceira de 17 quilómetros aproximadamente. As persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 27 de novembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas.

Martes, 12 de novembro de 2024
A deportista amesá Olivia Parga, xunto coa súa adestradora, Ruth Lorenzo

Esta pasada fin de semana, do 9 ao 10 de novembro, celebrouse en Tarragona a sexta xornada da Liga Nacional de Karate. Nesta cita, a deportista amesá, Olivia Parga, obtivo a medalla de ouro na categoría kumite xuvenil. 

Luns, 11 de novembro de 2024
Aberto o prazo de inscrición da campaña de neve da Deputación da Coruña na estación de Valgrande – Pajares

Un ano máis Ames é un dos concellos participantes na campaña de esquí organizada pola Deputación da Coruña entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2025. O programa está dirixido a rapaces e rapazas que teñen entre 11 e 15 anos cumpridos a 31 de decembro de 2024. Ao Concello de Ames correspóndenlle 15 prazas na sexta quenda que será do 14 ao 17 de febreiro de 2025. Ademais, dos cursos de esquí, os participantes poderán realizar actividades complementarias ou alternativas no caso de que non se poida esquiar. O prazo de inscrición está aberto dende o 8 de novembro ata o 2 de decembro. Para iso hai que entregar o impreso de solicitude nos rexistros municipais.

Xoves, 07 de novembro de 2024
Inés Peña e Jorge Sanmartín volven con medallas da Interland Cup 2024

A finais do pasado mes de outubro desenvolveuse na cidade alemá de Bonn a competición internacional de patinaxe artística Interland Cup. Os deportistas do CP Sarela, Inés Peña e Jorge Sanmartín, volveron a casa coa medalla de bronce na categoría júnior. Ademais, a patinadora Aroha Traba Castiñeiras, do CPA Omega, participou no Campionato de España que se celebrou en Pamplona.

Xoves, 31 de outubro de 2024
Concello de Ames, Bertamiráns FC e SOGAPS volven colaborar para recadar fondos para os campamentos de refuxiados saharauís

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da segunda edición do partido de fútbol solidario para recadar fondos para o programa Vacacións en Paz. Deste xeito, a contía recadada a través da venda de entradas para o partido Bertamiráns FC – Bastavales UD, que se disputará o domingo 10 de novembro, será doada a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. Os fondos servirán para tratar de paliar os efectos das graves inundacións nos campamentos de refuxiados saharauís. O custe das entradas será de 5 euros, e poderán adquirirse o día do partido na taquilla do campo. Ademais, venderanse rifas e haberá un stand informativo de SOGAPS durante a fin de semana na área deportiva de Bertamiráns.

Mércores, 30 de outubro de 2024
A atleta amesá María Estévez consegue a medalla de ouro no Campionato de España de Clubs Sub20

O pasado sábado 26 de outubro desenvolveuse en Madrid o campionato de España de clubs sub20, no que participou a atleta amesá María Estévez. A deportista conseguiu un gran resultado, rematando primeira na proba de 2.000 metros obstáculos, cunha vantaxe de 31” sobre a segunda clasificada.

Sábado, 26 de outubro de 2024
Preto de 1.700 veciños e veciñas de Ames practican deporte a través da Escolas deportivas municipais

O pasado 1 de outubro deu comezo un novo curso das Escolas deportivas municipais, nas que preto de 1.700 veciños e veciñas de Ames participan en 18 actividades, que se enmarcan nos programas de Formación deportiva e Ponte en forma. Este curso as actividades que teñen maior participación son pilates con 340 participantes, patinaxe con 202 e aerozumba con 158. Na actualidade, hai 1.670 usuarios/as inscritos, pero dende o departamento de Deportes agardan que esta cifra se incremente ata polo menos os 1.700 participantes, porque aínda se están tramitando inscricións nas prazas que quedaron libres. Deste xeito, a Concellaría de Deportes mantén aberto o prazo para anotarse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais 2024/2025. As persoas interesadas poden xestionar a matrícula de xeito telemático a través da plataforma Cronos, no módulo “inscrición en clases”.

Martes, 22 de outubro de 2024
Os patinadores do CPA Sarela Inés Peña e Jorge Sanmartín participarán esta semana na Interland Cup 2024

O club de patinaxe artística Sarela, de Bertamiráns,  contará esta semana con representación na Interland Cup, unha competición internacional que se celebra do 24 ao 26 de outubro en Alemaña. Deste xeito, os patinadores Inés Peña e Jorge Sanmartín representarán a España na categoría júnior.