Actualidade
Continúan en marzo os encontros literarios do Departamento de Bibliotecas, nesta ocasión con Inma López Silva e a súa novela “O libro da filla”, Premio da Asociación de Críticos Literarios 2020. A presentación terá lugar o mércores 16 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A autora será presentada polo profesor, autor e crítico literario Xosé Antón López Silva, e acompañada pola concelleira de Cultura, Natividade González. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.
As bibliotecas amesás continúan cos actos polo 8M coa celebración do seu cuarto encontro literario do ano. Neste caso, terá lugar a presentación da revista MujerArt Magazine. Será o sábado 12 de marzo, ás 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Presentarán o acto Petronila Daza e Bea López Jerez, cunha “performance” a cargo das artistas multidisciplinares Natalia Horschovski, Celia Pía e Paula Quintas. Acompañan a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.
As bibliotecas municipais amesás acollen no seu terceiro encontro literario do ano á escritora Ana Veiga, que presentará o seu primeiro libro “La sonrisa permite respirar al alma”. Será este xoves 3 de marzo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas. Acompañarán á autora Josefa F., amiga da escritora, e a pandeireteira María Fabiola, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.
Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía de Castro o pasado 23 de febreiro as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro organizaron un obradoiro de pintado de camisetas nos que participaron 44 persoas. No Milladoiro participaron 17 rapaces e rapazas, mentres que en Bertamiráns participaron 15 nenos e nenas. Ademais, fíxose unha sesión na que participaron 12 integrantes da asociación Arcea Adames.
Xa están abertas as inscricións das tres propostas para a rapazada do Departamento de Bibliotecas amesán para este mes de marzo. A sesión de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos “Historias que non son o que parecen”, actividades polo Día da Poesía e un obradoiro de banda deseñada, dirixido á rapazada da ESO e de 3º a 6º de primaria, son as tres actividades deste mes. Todas realizaranse por duplicado nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.
As bibliotecas municipais amesás acollen no seu segundo encontro literario do ano ao escritor e músico Miguel Alonso, que presentará a súa segunda novela, “O caso dos amantes de París”. Será este xoves 17 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas. Acompañarán ao autor Irene Quinteiro, profesora e contacontos, e a editora de Belagua Ediciones, Edurne Baines, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. O evento, con entrada libre ata completar aforo, contará con música do propio Alonso.
Este luns 14 de febreiro abren as inscricións para participar nun obradoiro de pintado de camisetas co gallo da celebración do Día de Rosalía. Os nenos e nenas máis maiores de primaria decorarán as prendas con algúns dos versos da escritora, cos que traballarán ao longo da xornada, e pintarán unha ilustración co seu retrato. Os talleres terán lugar o venres 25 no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns, ás 17:30 horas e ás 11:30 horas respectivamente.
Dende este martes 1 de febreiro están abertas as inscricións das actividades de animación á lectura para a rapazada de Ames de febreiro, propostas polo departamento de Bibliotecas. “1 ovelliña, 2 ovelliñas, 3 ovelliñas...” é a primeira sesión de contos que ocupará os centros amesás, que organizan unha actividade ao mes ata ao mes de maio. A proposta, pensada para nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, realizarase por duplicado en ambas vilas, no Milladoiro e en Bertamiráns, con tres quendas en cada lugar, sempre ás 17:30 horas.
As bibliotecas municipais amesás celebran un novo encontro literario co fin de presentar o Caderno Ramón Piñeiro número 44, unha obra colectiva dedicada a celebrar a obra da autora Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021. Será o vindeiro mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Presentarán o acto Luís Cochón, editor da publicación; Manuel González, coordinador científico da obra, e o escritor Xosé Ramón Fandiño, acompañados do alcalde de Ames, Blas García, e da concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.
Con motivo do Día das persoas usuarias das bibliotecas, este martes 11 de xaneiro o departamento de Bibliotecas de Ames lanza a campaña Superlectores, coa que busca recoñecer ao seu público infantil e xuvenil máis fiel, á vez que presentan o seu fondo ás persoas que non o coñezan. Cada usuaria ou usuario de entre 0 e 18 anos poderá conseguir unha tarxeta de Superlectora ou Superlector, que irán enchendo de selos con cada préstamo para participar nun sorteo de libros que terá lugar o sábado 2 de abril, Día do libro infantil.
- ‹ anterior
- 9 de 15
- seguinte ›