Actualidade
O pasado domingo, 14 de abril, clausurouse o curso de monitores de tempo libre organizado polo departamento de Mocidade do Concello de Ames. O curso, homologado pola Xunta de Galicia, contou con 15 participantes, e desenvolveuse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns durante as fins de semana de xaneiro, febreiro, marzo e abril, en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:30 horas. Á xornada de clausura asistiu a concelleira de Mocidade, Carmen Porto. Unha vez rematada a parte teórico-práctica, de 200 horas de duración, os alumnos e alumnas teñen por diante 150 horas de prácticas en empresas, que deberán levar a cabo nos vindeiros dous anos.
Como cada ano, o Concello de Ames publica a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través desta programa ofértanse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Organizaranse tamén dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto dende o 15 ata o 24 de abril. Farase enviando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático da Sede electrónica do Concello, ou presencialmente nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
A Concellaría de Mocidade vén de poñer en marcha o Club xuvenil de Ames. Trátase dunha nova iniciativa a través da que se trata de crear un grupo de ata 30 mozos e mozas de entre 13 e 18 anos, para que compartan experiencias e proxectos. As actividades que se imparten están coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa. Dita iniciativa desenvolverase de marzo a decembro, facendo un parón durante o verán nos meses de xullo e agosto. O venres 22 e mailo sábado 23 de marzo haberá dúas novas xuntanzas no Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de ir facendo grupo e que os mozos e mozas interesados se unan a este club xuvenil.
A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado 23 de marzo unha nova actividade do programa Trouleando, dirixida a mozos/as de Ames a partir de 12 anos. Neste caso, organizouse un descenso de rafting polo tramo do río Ulla que discorre entre Carcacía e Herbón. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 7 ao 13 de marzo. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. As prazas son limitadas, e cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada polo departamento de Xuventude.
Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do novo Club Xuvenil de Ames, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Mocidade. Neste grupo poderán participar ata 30 mozos e mozas de entre 13 e 18 do Concello de Ames, e as actividades que se leven a cabo estarán coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa. As actividades estenderanse de marzo a decembro, facendo un parón durante o verán nos meses de xullo e agosto.
O pasado 13 de xaneiro deu comezo unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre organizado polo departamento de Xuventude. Este curso, homologado pola Xunta de Galicia, conta 15 participantes, e desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril durante as fins de semana. Ten unha duración total de 350 horas (200 horas teórico-prácticas e 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre).
A Concellería de Xuventude organiza unha nova actividade dirixida á mocidade empadroada en Ames. Trátase da iniciativa “Finde na neve”, que se desenvolverá do 23 ao 25 de febreiro na estación invernal de Leitariegos (León). Na actividade poderán participar un total de 40 mozos/as nados entre o 2008 e o 1993. Para que a actividade se realice será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. As prazas que non se cubran con persoas empadroadas en Ames poden ser ocupadas por persoas doutros concellos. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 23, ata o 31 de xaneiro. O custe da actividade é de 158 euros; o prezo inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, etc. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de inscrición.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e maila responsable técnica do departamento de Xuventude, Pili Villaverde, realizaron esta mañá unha visita ao local A Factoría, que está situado na parroquia de Biduído. Durante o último trimestre de 2023 estiveron realizándose traballos para mellorar as instalacións e dotala de novo equipamento. En ditas melloras investíronse 17.797,04 euros. De dito importe, 15.000 euros son sufragados con cargo ao Plan Ames Progresa e o importe restante con fondos propios da Concellaría de Mocidade. Realizáronse traballos para mellorar o illamento do edificio e para mellorar as instalación do interior do local. Tamén se adquiriu unha mesa de mesturas para DJ e dun sistema de gravación. A Factoría abrirase para que sexa un lugar de encontro para a mocidade amesá. Estase traballando na creación dun club xuvenil que poida empregar A Factoría como lugar de reunión.
A Concellería de Xuventude organiza unha nova actividade dirixida á mocidade empadroada en Ames. Trátase da iniciativa “Finde na neve”, que se desenvolverá do 23 ao 25 de febreiro na estación invernal de Leitariegos (León). Na actividade poderán participar un total de 40 mozos/as nados entre o 2008 e o 1993. Para que a actividade se realice será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. As prazas que non se cubran con persoas empadroadas en Ames poden ser ocupadas por persoas doutros concellos. O prazo de inscrición estará aberto dende o 23 ata o 31 de xaneiro. O custe da actividade é de 158 euros; o prezo inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, etc. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de inscrición.
A través do departamento de Xuventude, o Concello de Ames organizou por primeira vez o Obradoiro de Son, unha master class musical relacionada coa produción e gravación. Nesta primeira edición do obradoiro, dirixido a rapaces e rapazas a partir de 14 anos, participaron 10 persoas. Impartiuse os días 27 e 28 de decembro, e durante ambas xornadas o alumnado puido explorar todas as posibilidades que ofrece o local de ensaio de A Factoría.
- ‹ anterior
- 3 de 15
- seguinte ›