Actualidade

Ex., 06-10-2024
Ex., 06-10-2024
Martes, 17 de setembro de 2024
Imaxe da visita ao punto de atención ao peregrino e de información turística

O pasado sábado pechou o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro. Dende o 15 de xuño ata o 14 de setembro atendéronse un total de 606 persoas. Deste xeito, incrementouse en 351 os usuarios/as de dito punto informativo respecto de 2023. Isto representa un aumento do 138%. Este servizo préstase por segundo ano consecutivo e xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Como novidade, este ano o servizo contou con dúas localizacións: o vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro e a caseta situada a carón da área de autocaravanas. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.

Luns, 16 de setembro de 2024
110 persoas participaron na ruta rosaliana “As Pegadas de Rosalía”

Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón organizaron este pasado sábado, 14 de setembro, unha saída pola ruta rosaliana que transcorreu polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. A ruta comezou no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e rematou na igrexa de Santa María de Iría Flavia cun concerto de Manoele de Felisa, que interpretou varios poemas de Rosalía musicados por el. Esta ruta, a través da cal se pon en valor a vida e obra de Rosalía, tivo unha participación de 110 persoas. Durante o percorrido visitáronse os lugares pertencentes ao territorio destes concellos que marcaron a vida e a obra da nosa autora máis universal. Premendo nesta ligazón podes acceder a unha galería de fotos de dita ruta.

Xoves, 12 de setembro de 2024
A Casa do Cruceiro acolleu a presentación dunha nova edición de ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’

A Casa do Cruceiro, situada no lugar de Raíces, pertencente á parroquia de Biduído, acolleu esta mañá a presentación da décimo oitava edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’. A dita presentación foi convidado o alcalde de Ames, Blas García, que asistiu xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, á delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén Docampo, ao presidente de FEGATUR, Francisco Xabier Almuíña, e ao vicepresidente do Clúster do Turismo de Galicia, Jesús Picallo. O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ desenvolverase dende o 13 de setembro ata o 15 de decembro de 2024.  A Casa do Cruceiro é un dos 77 establecementos participantes este ano. Ofrécense desde menús especiais, ata paquetes con estadías e nalgunhas das casas e tamén haberá actividades como paseos a cabalo, descenso en canoa ou sendeirismo.

Luns, 26 de agosto de 2024
Ames, Brión, Dodro e Padrón programan unha saída da ruta “As Pegadas de Rosalía” para o sábado 14 de setembro

Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón programan para o sábado 14 de setembro unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017, e presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado “As Pegadas de Rosalía”, en xaneiro do ano 2018. As inscricións son gratuítas e deberán realizarse a través desta ligazón dende hoxe ata o martes 10 de setembro. As prazas serán adxudicadas por orde de rexistro e deberase seleccionar o punto de saída.

Xoves, 01 de agosto de 2024
Os alcaldes de Ames, Brión, Dodro e Padrón asinan un convenio para promocionar a ruta As pegadas de Rosalía

Os alcaldes de Ames, Blas García; Brión, Pablo Lago; Dodro; Xabier Castro; e Padrón, Anxo Arca, asinaron este martes na sede da Fundación Rosalía o convenio polo que os catro concellos acordan traballar conxuntamente na xestión, desenvolvemento e promoción turística da Ruta Rosaliana-As pegadas de Rosalía, un itinerario que percorre lugares intimamente vencellados á vida e á obra de Rosalía de Castro.

Mércores, 10 de xullo de 2024
Ames estrea as Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu xunto co alcalde de Ames, Blas García, a presentación das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil que estarán despregadas ao longo dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago. A subdelegada informou que as OMAP ́s estarán activas durante os meses de maior afluencia de peregrinos no Camiño de Santiago, desde o día 28 de xuño ata o 1 de novembro.

Domingo, 23 de xuño de 2024
Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro

Esta semana o concelleiro de Turismo e alcalde de Ames, Blas García, visitou o punto de atención ao peregrino e de información turística. Este punto comezou a funcionar por segundo ano consecutivo o pasado 15 de xuño, e estará aberto ata o 15 de setembro.  Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. O seu obxectivo é acoller e prestar atención e información ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Martes, 21 de maio de 2024
Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

O alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, inaugurou onte na Praza da Maía a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. O acto, ao que tamén acudiu o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estivo amenizado coa actuación musical de María e Dora Iglesias.

Venres, 23 de febreiro de 2024
A hostalería e os comedores escolares de Ames acolleron as iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía de Castro

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, puxo en marcha a iniciativa Café con Verso, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. O Café con Verso estivo amenizado por intervencións musicais a cargo de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez en diversos establecementos hostaleiros do concello, nos que tamén se repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra e o pensamento de Rosalía. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía, o  Concello tamén organizou a actividade Caldo de Gloria nos comedores escolares municipais, nos que se repartiron manteis co poema “Miña casiña, meu lar”.

Mércores, 14 de febreiro de 2024
O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, abre o prazo de inscrición para que os establecementos hostaleiros se adhiran á iniciativa Café con Verso, posta en marcha un ano máis para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. Para inscribirse hai que enviar este impreso, ata ás 14.00 horas do 20 de febreiro, ao enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O Café con Verso estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta actividade realizarase nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño e CEIP da Maía.