Actualidade

Ex., 21-12-2024
Ex., 21-12-2024
Xoves, 01 de agosto de 2024
Os alcaldes de Ames, Brión, Dodro e Padrón asinan un convenio para promocionar a ruta As pegadas de Rosalía

Os alcaldes de Ames, Blas García; Brión, Pablo Lago; Dodro; Xabier Castro; e Padrón, Anxo Arca, asinaron este martes na sede da Fundación Rosalía o convenio polo que os catro concellos acordan traballar conxuntamente na xestión, desenvolvemento e promoción turística da Ruta Rosaliana-As pegadas de Rosalía, un itinerario que percorre lugares intimamente vencellados á vida e á obra de Rosalía de Castro.

Mércores, 10 de xullo de 2024
Ames estrea as Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu xunto co alcalde de Ames, Blas García, a presentación das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino da Garda Civil que estarán despregadas ao longo dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago. A subdelegada informou que as OMAP ́s estarán activas durante os meses de maior afluencia de peregrinos no Camiño de Santiago, desde o día 28 de xuño ata o 1 de novembro.

Domingo, 23 de xuño de 2024
Xa está en funcionamento o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro

Esta semana o concelleiro de Turismo e alcalde de Ames, Blas García, visitou o punto de atención ao peregrino e de información turística. Este punto comezou a funcionar por segundo ano consecutivo o pasado 15 de xuño, e estará aberto ata o 15 de setembro.  Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. O seu obxectivo é acoller e prestar atención e información ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Martes, 21 de maio de 2024
Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

O alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, inaugurou onte na Praza da Maía a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. O acto, ao que tamén acudiu o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estivo amenizado coa actuación musical de María e Dora Iglesias.

Venres, 23 de febreiro de 2024
A hostalería e os comedores escolares de Ames acolleron as iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía de Castro

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, puxo en marcha a iniciativa Café con Verso, para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. O Café con Verso estivo amenizado por intervencións musicais a cargo de Luís O’Caruncho e Oli Xiráldez en diversos establecementos hostaleiros do concello, nos que tamén se repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra e o pensamento de Rosalía. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía, o  Concello tamén organizou a actividade Caldo de Gloria nos comedores escolares municipais, nos que se repartiron manteis co poema “Miña casiña, meu lar”.

Mércores, 14 de febreiro de 2024
O Concello de Ames pon en marcha as iniciativas,Café con verso e Caldo de Gloria para,homenaxear a Rosalía de Castro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, abre o prazo de inscrición para que os establecementos hostaleiros se adhiran á iniciativa Café con Verso, posta en marcha un ano máis para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro. Para inscribirse hai que enviar este impreso, ata ás 14.00 horas do 20 de febreiro, ao enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O Café con Verso estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá. Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta actividade realizarase nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño e CEIP da Maía.

Xoves, 25 de xaneiro de 2024
Imaxe da presentación en Fitur da campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”

Este pasado mércores, 24 de xaneiro, o alcalde de Ames e responsable da área municipal de Turismo, Blas García, presentou na Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid do 24 ao 28 de xaneiro, a campaña “Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra”. Trátase dunha campaña posta en marcha pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, para promocionar dito Camiño de Santiago. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo promocional desta campaña.

Luns, 27 de novembro de 2023
Acto de sinatura do convenio entre a Universidade da Coruña e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía

O alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García, asistiu hoxe pola mañá ao acto de sinatura dun convenio entre a Universidade da Coruña e maila Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o noso Concello. O acordo contempla o traballo conxunto para a realización de actividades de carácter científico e de promoción cultural e difusión, en forma de publicacións, presentacións, xornadas, congresos ou exposicións, relacionadas co Camiño de Fisterra - Muxía. Dentro de dito convenio inclúese a elaboración do libro "Ata o Mar, A prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía", que será presentado o próximo sábado, 2 de decembro, dentro do Foro de Internalización que está organizando dita asociación.

Venres, 27 de outubro de 2023
Cartaz do curso sobre economía circular

O Concello de Ames, a través da área de Turismo, informa sobre o curso de economía circular no turismo, que organiza a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra – Muxía, da que forma parte Ames xa que polo termo municipal amesá discorre parte do trazado dese Camiño. O curso realizarase os días 8 e 9 de novembro no salón de plenos da Casa do Concello de Corcubión. O obxectivo é mellorar a calidade do servizo e fomentar a sustentabilidade. O curso busca difundir ferramentas para que os profesionais do sector turístico poidan ofrecer unha atención de calidade no Camiño Fisterra – Muxía, aumentando a calidade e sustentabilidade do sector. O curso está pensado para un mínimo de 15 persoas e un máximo de 30. Premendo nesta ligazón podes inscribirte no curso.

Mércores, 04 de outubro de 2023
Inscríbete no xantar popular que se organiza con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos

O vindeiro xoves, 12 de outubro, vaise realizar unha andaina e xantar popular que se enmarca dentro da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos. A andaina discorrerá entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos. A saída será ás 9.00 horas dende de a Alameda de Santiago. A chegada a Ortoño está prevista para as 12.30 horas aproximadamente. Ás 13.00 horas haberá un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, ás 13.30 horas farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar. As prazas para a andaina xa están completas. As persoas que estean interesadas en participan no xantar popular poden inscribirse premendo nesta ligazón. As inscricións e pagamento pódense facer ata o 10 de outubro.