Actualidade

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para estes meses de primavera, na que se inclúen varios obradoiros e visitas guiadas para gozar da paraxe que nos ofrece a natureza nesta época do ano. A primeira das actividades terá lugar este vindeiro sábado 12 de abril con “O enredo de abelleiro”, unha visita guiada ao Museo Vivente do Mel xunto cunha ruta da Fervenza das Hortas. Esta saída, apta para todos os públicos, conta con 50 prazas e desenvolverase entre as 10.30 e 18.00 horas. Cómpre destacar que se deberán abonar 3 euros pola entrada do museo. Para inscribirse a esta e ao resto de actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Iván Gutiérrez Mosquera, nado en Ames en 2010 e pertencente ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, vén de acadar o campionato galego de ximnasia rítmica na categoría cadete. Deste xeito, clasificouse para o campionato de España que se celebrará este mes de abril en Guadalajara. O deportistas amesán acadou en 2024 a medalla de bronce no campionato nacional de ximnasia rítmica individual e no ano 2023 foi prata en ximnasia acrobática por parellas.

O programa do Apego segue a ofrecer unha ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste vindeiro mes de abril. Desta volta, co espectáculo do Mago Paco “A Maxia está nos contos”, que se desenvolverá o venres 11 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 10. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas que queren asistir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernandez, a Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o presidente de Monbus, Raúl López, mantiveron unha xuntanza na que o rexedor municipal expuxo as queixas achegadas polos usuarios e usuarias da liña de autobús de interese municipal (SIMU) e trasladou as propostas do Concello para mellorar dito servizo implantado no mes de xuño de 2022. En dito encontro fíxose unha posta en común por parte das tres partes para a reformular o convenio e facelo máis eficiente. Insistiuse na necesidade de incluír no percorrido paradas no Hospital Clínico e no Campus Sur, así como en Fraiz e A Moniña, na parroquia de Biduído. A comisión foi solicitada polo número de queixas recibidas da veciñanza.

Bugallido continúa coas súas xornadas sobre saúde enmarcadas no programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”. Deste xeito, o Centro Cultural Mahía acolle no día de mañá, 3 de abril, ás 19.30 horas, a segunda sesión, co relatorio “Vacinas. Salvando vidas”, impartido por Pablo Varela García, internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS. A entrada será libre ata completar aforo e pode achegarse calquera persoa interesada en participar.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas neste primeiro semestre de 2025. Nesta ocasión, o auditorio de Milladoiro acollerá este venres, ás 20.30 horas, a representación de “O único que quixen toda a vida é ser delgada”, da compañía ButacaZero. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Pódese adquirir as entradas a través da Billeteira electrónica.

A Xunta de Galicia vén de aprobar este luns, 31 de marzo, o prego de cláusulas administrativas, o expediente de contratación, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación para a construción do novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro. O expediente de contratación publicouse hoxe no portal de Contratos Públicos de Galicia. O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna.

Esta semana comeza a quinta edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten a finalidade de achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. A primeira cita das tres sesións programadas no Abril de Cine deste ano terá lugar este xoves 3 de abril, ás 20.00 horas no auditorio do Milladoiro, coa proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo. A xornada contará cunha presentación previa á proxección da película e, ao finalizar, haberá un coloquio coa directora do filme, Margarita Ledo. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) oferta unha nova programación de cursos para abril e maio, con clases dirixidas tanto a adultos coma para menores. As temáticas destes cursos abranguen contidos moi amplos e útiles para o mundo dixital, no caso dos adultos, dende a aprendizaxe básica do teléfono móbil, as utilidades de internet na nosa vida diaria ata o uso das aplicacións de Writer e Calc de LibreOffice, e no caso dos menores, un uso de ferramentas do Scratch e Pixelart! ou tamén mecanografía. As persoas interesadas en participar nalgún dos cursos poden facelo enviando cuberta a ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com, chamando a través do teléfono 674 594 843 ou achegándose ata a aula AMTIC do Milladoiro en horario de luns a venres de 10.00 a 12.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

O Concello de Ames publicou a semana pasada o programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 440 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes repartidos por diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades desenvolveranse dende o 25 e xuño ata o 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 12 de abril. As inscricións poderanse tramitar a través da Sede electrónica, no catálogo de trámites: Campamentos 2025. Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 6 de 1376
- seguinte ›