Actualidade

Iván Gutiérrez e Cosme González, os dous veciños de Ames e pertencentes ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, acaban de gañar a medalla de ouro no campionato nacional base individual masculino de ximnasia rítmica. Dito campionato celebrouse do 8 ao 13 de abril no Palacio multiusos de Guadalajara. Iván Gutiérrez foi campión de España de ximnasia rítmica na categoría cadete, mentres que Cosme González tamén se proclamou campión de ximnasia rítmica na categoría xuvenil.

Do 3 ao 6 de abril, celebrouse na cidade de Guadalajara a Karate Youth League, o maior evento internacional de mozos karatekas. Nesta cita, Ames contou coa representación de Xoán David Parga e Olivia Parga, que realizaron unha gran competición na que participaron algunhas das mellores promesas do karate de todo o mundo.

O Club Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza para o mércores 16 e o xoves 17 de abril, coincidindo coa Semana Santa, unhas xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverán no lugar de Ponte Ínsua - Ons (Brión), entre as 11:00 e as 13:00 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo info@ribeirasdotambre.es. Estas xornadas son gratuítas e non hai límite de prazas.

Iván Gutiérrez Mosquera, nado en Ames en 2010 e pertencente ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, vén de acadar o campionato galego de ximnasia rítmica na categoría cadete. Deste xeito, clasificouse para o campionato de España que se celebrará este mes de abril en Guadalajara. O deportistas amesán acadou en 2024 a medalla de bronce no campionato nacional de ximnasia rítmica individual e no ano 2023 foi prata en ximnasia acrobática por parellas.

Tres deportistas do club amesán TKDenodo, David Noya Platas, Breixo Lestón Cives e Jorge Nogueiras Rivero, participaron no campionato de España (categorías cadete e júnior) como parte da selección galega de taekwondo. Dito campionato celebrouse os días 15 e 16 de marzo en Tarragona. Os tres deportistas tiveron unha participación destacada. Breixo Lestón e David Noya acadaron o quinto posto, quedando a un paso de acadar medalla. Ademais, estes tres taekwondistas foron convocados pola selección galega para participar no Open de España os días 25 e 26 de abril.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 13 de marzo unha nova liña de achegas para a concesión de bolsas para deportistas do concello de Ames no ano 2025. O importe das bolsas que se van a conceder ascende a 10.000 euros, ao igual que na anterior convocatoria. Esta convocatoria de bolsas ten por obxecto apoiar a práctica e ao rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos/as deportistas do concello en eventos deportivos, facilitándolles o acceso a unha preparación integral idónea. Cada deportistas pode optar a unha axuda máxima de 700 euros. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases da convocatoria.

O equipo máis cativo do Milladoiro SD, patrocinado pola librería Nenos Nais, vén de acadar o campionato de liga de fútbol sala da categoría Primeira Futgal FS, impoñéndose por un só un punto de diferencia á Escola Deportiva Xuventude Oroso.

Este pasado 14 de marzo, o Teatro Colón da Coruña acolleu a terceira edición da Gala do Deporte da Deputación da Coruña, uns galardóns que recoñecen e poñen en valor os logros e traxectoria profesional dos mellores deportistas, clubs e entidades deportivas da provincia neste último ano. Unha das deportistas galardoadas foi a karateka amesá Olivia Parga, á que se lle concedeu o Premio a mellor deportista promesa feminina de base, poñendo así en valor os seus logros acadados no último ano, destacando, por exemplo, o ouro na Liga Nacional de Karate Feminino.

Este pasado 8 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela o Campionato Galego Infantil e Copa Cadete de karate, onde a Escola de Karate Dokkodo participou con seis deportistas e conseguiu tamén seis medallas. En total, o club amesán acadou un ouro, dúas pratas e tres bronces na competición.

O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 16 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025. Foi a novena ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición chagaron á liña de meta 249 ciclistas, que deron dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 66 quilómetros. Preme nesta ligazón para ver a galería de fotos da Transgalaica.
- 1 de 56
- seguinte ›