Actualidade
O pasado 8 de decembro celebrouse o Campionato de España de Marcha atlética en ruta, na localidade cántabra de Castro Urdiales, onde participaron dous atletas de Ames Atletismo, Nicolás Collazo e Icía Ares. Nicolás acadou a terceira posición na categoría sub 18 nos 5 quilómetros marcha, conseguindo así a súa primeira medalla nacional e tamén a primeira a nivel nacional para o club amesán. Ademais, o atleta tamén rompeu o récord galego nesta proba, finalizándoa en 21 minutos e 19 segundos. Pola súa banda, Icía acadou unha fantástica cuarta praza na súa categoría e bateu tamén a súa propia marca persoal en máis de 30 segundos.
A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo, 22 de decembro, unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo. Tomás Pombo quedou en primeira posición, seguido de Juan José Bodelo e Xoel Blanco, que quedaron en segunda e terceira posición respectivamente. Nesta proba participaron arredor de 80 ciclistas. Antes da carreira, houbo unha xincana na que participaron nenos e nenas. Repartíronse sete premios, catro para os sprint especiais e disputados nas voltas 10, 15, 20 e 25, e outros tres premios para os tres primeiros clasificados da proba.
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 28 de novembro a concesión de 10.000 euros repartidas en bolsas para 17 deportitas de Ames. Esta liña de axudas está dividida en dos grupos: no grupo A (deportistas de 12 a 17 anos) concedéronse 16 bolsas que suman un importe de 9.300 euros, mentres que no grupo B (deportistas de 18 a 23 anos) concedeuse unha bolsa por importe de 700 euros. Trátase dunha nova liña de achegas para a concesión de bolsas para deportistas do concello de Ames no ano 2024. A finalidade desta convocatoria é apoiar aos/as deportistas individuais de Ames, como medio para promover o deporte do municipio e, desta forma, conseguir logros deportivos para o concello.
Este pasado venres, 13 de decembro, celebrouse en Carballo a Gala dos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva, organizada pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE). Un evento no que o Concello de Ames foi galardoado co Premio á xestión pública do deporte, un recoñecemento ao traballo que se realiza neste eido desde o departamento de Deportes do Concello. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís.
Esta pasada fin de semana, do 13 ao 15 de decembro, celebrouse en Pontevedra a Gran Final da Liga Nacional de Karate. Nesta cita, o deportista amesán, Tiago Blanco, da escola de Karate Dokkodo, disputou o seu último campionato na categoría benxamín, concluíndo así esta etapa no décimo posto do ranking nacional absoluto.
Esta pasada fin de semana, do 13 ao 15 de decembro, celebrouse en Pontevedra a fase final da Liga Nacional de Karate, onde participaron os oito mellores karatekas de España. Nesta cita, a deportista amesá, Olivia Parga, obtivo a medalla de ouro na categoría de xuvenil <37 kg. Este novo éxito, sumado aos resultados que xa obtivera nas anteriores xornadas de Avila e Tarragona, fixo que fose proclamada Grand Winner de España 2024. Ademais, o seu irmán, Xoan David Parga García, que competiu en kumite júnior <61 kg, obtivo un meritorio quinto posto que o sitúa entre os mellores karatekas da sua categoría.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para o sábado 28 de decembro unha nova iniciativa que se enmarca na programación de Nadal de 2024. Trátase da primeira edición da Gladiator Race Kids, que se vai a realizar na área deportiva do Milladoiro a partir das 16.30 horas. Esta actividade está pensada para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Os menores poderán ir acompañados dun adulto. Haberá 250 prazas polo que é preciso inscribirse a través desta ligazón. A inscrición é gratuíta e inclúe a participación no evento, seguro e unha medalla por finalizar. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de decembro ás 23.59 horas.
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para o vindeiro 21 de decembro un novo percorrido enmarcado na actividade do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía. Desta volta, percorrerase a segunda etapa, de 17 quilómetros aproximadamente, e que vai dende Ponte Maceira a Vilaserío. Hai 50 prazas dispoñibles para participar, as persoas interesadas poden inscribirse no seguinte formulario ata o vindeiro mércores 18 de decembro ás 14.00 horas. Terán prioridade as persoas empadroadas en Ames. Volverá a habilitarse servizo de autobuses desde os dous núcleos urbanos do municipio; ás 9:00 horas desde a Casa da Cultura de Milladoiro e ás 9:15 desde a Casa do Concello de Bertamiráns.
A localidade de Bertamiráns acolle o domingo, 22 de decembro, a partir das 11.00 horas, a décimo sétima edición da Carreira Ciclista do Pavo. Organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e co Concello de Ames, nela poderán participar tanto adultos como os máis pequenos da casa. As inscricións para os/as ciclistas federados/as poden facerse na páxina web da federación (tamén o poden facer o propio día da carreira), mentres que as persoas non federadas teñen que enviar un correo electrónico a begonaalonso@mundo-r.com ou chamar ao número de teléfono 677 555 748. Em ambos casos as inscricións poden tramitarse ata o venres 13 de decembro.
O circuíto de campo a través de Aldea Nova acolleu nas xornadas deste martes 3 e mércores 4 de decembro a fase comarcal do Campionato de Cros Xogade, que está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo, e no que colaborou o Concello de Ames. Nestas dúas xornadas participaron 2.050 rapaces e rapazas, que cursan estudos de educación primaria e secundaria, de 20 centros escolares de Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Vedra, Oroso, Boqueixón, Teo, O Pino, Touro, Frades e Melide.
- ‹ anterior
- 2 de 53
- seguinte ›