Actualidade

Ex., 12-02-2025
Ex., 12-02-2025
Mércores, 24 de xullo de 2024
Apróbase a concesión de 80.000 euros en axudas para asociacións e club deportivos

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 18 de xullo a concesión de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas de Ames no exercicio 2023. O importe das subvencións que se van a conceder ascende a 80.000 euros chegando ao 100% do importe dedicado a esta liña de axudas. Un total de 20 entidades beneficiaranse destas subvencións municipais, que buscan achegar a práctica deportiva ao maior número de veciños/as posible, así como promover unha vida deportiva estable dentro do concello. Os clubs e entidades deportivas beneficiarias teñen de prazo de xustificación das axudas ata o 31 de xullo de 2024.

Mércores, 17 de xullo de 2024
Dous atletas do club de atletismo MillaRaio participan no Campionato de España Máster

O pasado 6 e 7 de xullo celebrouse en Alcobendas o Campionato de España Máster ao aire libre, onde acudiron, representando ao club MillaRaio, David López Vilariño e Purificación Cariñena Amigo. David acadou a medalla de bronce no salto de altura M50 e a sétima posición nos 100 metros valados, mentres que Puri competiu en 100m, 200m e 400m na categoría F50, e acadou na carreira de 400m a sétima posición cun excelente rexistro. Ademais, dende o MillaRaio fan balance sobre o excelente rendemento dos seus equipos na tempada ao aire libre.

Martes, 16 de xullo de 2024
A atleta amesá María Estévez acadou o quinto posto na proba de 2.000 metros obstáculos

Os días 6 e 7 de xullo Nicolás Collazo e María Estévez, dous atletas do club Ames Atletismo, acudiron ao Campionato de España sub 18 que se disputou en Málaga. A atleta amesá María Estévez acadou o quinto posto na proba de 2.000 metros obstáculos, mentres que Nico Collazo obtivo o sexto posto en 5 quilómetros marcha. Ambos atletas obtiveron uns excelentes resultados en dito campionato. Ademais, o club Ames Atletismo participou no Campionato Galego sub 16 de Pontevedra cunha moi boa actuación dos 6 atletas que representaron al club amesán. O club Ames Atletismo pechou a temporada coa participación de María Vázquez e María Villaverde no Campionato Galego sub 20, onde obtiveron catro medallas.

Luns, 15 de xullo de 2024
Abre o prazo de inscrición para participar nos cursos de natación do mes de agosto das piscinas descubertas

Dende o 15 ata o 28 de xullo está aberto o prazo de inscrición para participar na segunda quenda dos cursos de natación organizados polo departamento de Deportes do Concello de Ames para este verán, que se desenvolverá no mes de agosto. Estas actividades impártense de luns a venres, nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Durante o mes de xullo están participando 57 rapaces e rapazas; 34 no Milladoiro e 23 en Bertamiráns. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña. As inscricións deben ser tramitadas a través da plataforma Cronos.

Martes, 09 de xullo de 2024
Blanca Trillo e Jesús Santomil proclámanse campións absolutos da II edición do Aberto de San Xoan

Entre o 22 e o 30 de xuño, as pistas de tenis de Aldea Nova acolleron a segunda edición Aberto de San Xoán, un torneo de tenis organizado polo club de tenis Val da Maía en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames. Este ano, esta cita deportiva contou cun total de 101 persoas inscritas tanto amesás como doutros puntos da xeografía galega como Vigo, Ferrol ou Nigrán, entre outros.

Venres, 05 de xullo de 2024
Comezan no Milladoiro e Bertamiráns as actividades deportivas e terapéuticas de verán

Este luns, 1 de xullo, arrincaron no Milladoiro as actividades deportivas e terapéuticas de verán impulsadas pola Concellería de Deportes e Promoción da Saúde. Así, o luns tivo lugar a primeira sesión de taichi-chikung na piscina municipal do Milladoiro, e este mércores comezaron as sesións de ioga na piscina descuberta de Bertamiráns. Estas actividades son gratuítas, e non é necesaria inscrición previa. Premendo nesta ligazón pódese consultar completa a programación de actividades.

Martes, 02 de xullo de 2024
Habilítase un campo de lanzamento en Ventín para a práctica do atletismo

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, visitaron o novo campo de atletismo que se habilitou en Ventín. Estiveron acompañados polos técnicos do departamento municipal de Deportes e por representantes dos clubs de atletismo do concello; David García, do club Ames Atletismo e Joao Fernández, do club de atletismo MillaRaio. Dito proxecto, que estaba incluída no Plan Ames Progresa 2021 – 2023, foi adxudicado á empresa Jardinería Arce SL por un importe de 247.498,87 euros (IVE incluído). Deste xeito, o antigo campo de fútbol de Biduído foi adaptado como campo de lanzamento para a práctica do atletismo. Tratábase dun antiga demanda dos clubs de atletismo do concello. Entre ambos clubs dispoñen de máis de 200 nenos e nenas que practican diversas disciplinas de atletismo.

Martes, 02 de xullo de 2024
A escola de karate Dokkodo pechou o curso co evento “Karate en Familia”

O pasado 27 de xuño a escola de karate Dokkodo clausurou o curso 2023/2024 co evento “Karate en Familia” na Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante esta xornada, o alumnado compartiu o seu derradeiro adestramento antes das vacacións coas súas familias.

Luns, 01 de xullo de 2024
60 nenos e nenas participaron no VII Campus de Verán Básquet Ames

A sétima edición do Campus de Verán Básquet Ames, que se   realizou do 24 ao 28 de xuño nas instalacións deportivas do Milladoiro, contou coa participación dun total de 60 nenos e nenas. Este campamento estivo dirixido a rapaces e rapazas nados entre 2008 e o 2018. Os rapaces e rapazas estiveron divididos en diferentes grupos segundo a idade. Os usuarios/as participaron en diferentes actividades, en horario de 9.00 a 14.30 horas, relacionadas co baloncesto. Tamén participaron en actividades lúdicas de piscina.

Mércores, 26 de xuño de 2024
Achégate ao piragüismo na xornada de portas abertas deste sábado na praia fluvial de Tapia

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para este sábado, 29 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:30 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.