Actualidade

A Xunta de Goberno Local aprobou nas últimas semanas a concesión de axudas por valor de 19.999,85 euros, para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais durante o exercicio 2024, e maila concesión de 940,35 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, correspondente ao curso 2023/2024. Estas dúas liñas de axudas municipal dependen da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa.

O vindeiro venres 10 de xaneiro, ás 20:00h, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro unha Gala Solidaria organizada polo alumnado de 4º de ESO e as súas familias, co obxectivo de recadar fondos para a ONG Paias@s en Rebeldía. Conta coa colaboración do Concello de Ames e da ANPA do IES do Milladoiro.

Desde este venres, día 3, ata o venres 17 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Entroido Lúdico, que se realizará os días 3, 4 e 5 de marzo. No programa poderán participar familias empadroadas en Ames con crianzas escolarizadas no 2º ciclo de educación infantil e primaria neste curso escolar e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. O programa inclúe os servizos de comedor e Bos días e os horarios de entrada e saída son bastante amplos e flexibles, adaptándose ás necesidades familiares. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede Electrónica ou de maneira presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Pódese descargar o impreso de solicitude na seguinte ligazón.

Como vén sendo habitual nestas datas, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, está a desenvolver o programa de conciliación Nadal Lúdico, unha iniciativa de educación e ocio para os máis pequenos que axuda ás familias amesás a compatibilizar e conciliar a vida laboral e a familiar. Nesta edición, que comezou o pasado 23 de decembro e durará ata o 7 de xaneiro, están a participar 107 rapaces e rapazas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria.

O Concello de Ames, en colaboración coa Deputación provincial da Coruña, vai realizar obras de mellora térmica da cuberta e fachadas da escola infantil municipal O Bosque, situada na localidade de Bertamiráns. Esta actuación ten un orzamento de 78.920,40 euros, dos cales o organismo provincial achega 52.000 euros e o Concello de Ames pon o importe restante, 26.920,40 euros. Este venres, 20 de decembro, o salón de plenos da Casa do Concello acolleu o acto de sinatura entre o alcalde de Ames, Blas García, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Luis Penas. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, e maila secretaria municipal.

Esta mañá celebrouse no IES do Milladoiro a “Grande Festa da Luz” para poñer o peche deste ano 2024, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a convivencia positiva entre o alumnado. Deste xeito, o alumnado participou ao longo de toda a mañá diferentes actividades nas que puideron aprender e explorar dun xeito dinámico e divertido, coma aprender do mundo da cociña da man do cociñeiro Kike Piñeiro, xogar con física cuántica con Brazolinda ou gozar dos mellores consellos musicais co músico e produtor Pedro Pascual. Co lema “Somos diferentes, somos referentes”, o IES do Milladoiro desenvolveu unha xornada na que se puxo o foco na importancia de valores coma o do respecto e o da igualdade no ámbito educativo. En representación do Goberno municipal acudiu a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto.

O Concello de Ames recibiu a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, na que se lle concede unha axuda de 219.342,13 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2024/2025. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000€ para gastos de mantemento das escolas infantís, e 135.342,13 euros para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.

A escola infantil da Madalena, situada no Milladoiro, vén de celebrar o seu vixésimo aniversario cun concerto de Nadal. A escola infantil A Madalena é de titularidade municipal e está xestionada polo Concello. Este centro de ensino ofrece servizo a nenos e nenas que teñen unha idade comprendida entre os tres meses e os tres anos. A escola ten capacidade para 94 nenos e nenas e un cadro de persoal de 21 traballadoras: unha cociñeira, catro PSX, doce educadoras, tres mestras e unha directora.

O IES do Milladoiro celebra o éxito da alumna, Ainhoa Díaz Pérez, na Gala de premios do Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25 de novembro, convocado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. O cartel creado por Ainhoa destacou entre un gran número de propostas polo seu potente impacto visual e a profundidade da súa mensaxe, que invita á reflexión sobre a urxencia de erradicar a violencia machista. Dende o Concello de Ames danlle os parabén a Ainhoa polo premio acadado.

As escolas unitarias de Covas e A Igrexa, situada en Ortoño, completaron este curso a oferta de número de prazas dispoñibles. Cada unha destas dúas escolas ten matriculados 20 alumnos/as. Na escola unitaria de Covas incrementouse nun 20% o alumnado respecto do curso anterior, mentres que na unitaria da Igrexa aumento nun 15%. A implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación nestas dúas escolas resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo. No servizo de Bos Días Cole hai matriculados 12 alumnos/as e ao comedor acoden 35 nenos/as.
- ‹ anterior
- 2 de 25
- seguinte ›