Axenda
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza un obradoiro de Nadal para a rapazada a partir de 3º de Primaria. Celebrarase na biblioteca do Milladoiro o venres 13 de decembro, ás 17:00 horas, e na biblioteca de Bertamiráns o sábado 14, ás 11:30 horas. As inscricións están abertas dende o 2 ata o 10 de decembro, chamando aos números 981 53 08 07 / 981 88 48 29 ou escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
O venres 13 de decembro, ás 18:00 horas, Anxo Moure, a Banda da Montaña e Cé Orquestra Pantasma chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns da man do Apalpador. Dirixido a público familiar, o Apaldador volve a Ames para abrir o Nadal con contos, cantos e agasallos máxicos procedentes da Serra do Courel. Ademais, recollerá as cartas que os nenos e nenas lle queiran deixar.
Durante o mes de decembro, co obxectivo de preparar o Nadal, a Aula da Natureza propón un obradoiro dirixido aos adultos o sábado 14, no que os particpantes aprenderán a elaborar candeas aromáticas vexetais. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza para este domingo, 15 de decembro, o concerto de Nadal no que actuarán diferentes grupos de baile e música tradicional do noso concello. O evento, enmarcado dentro da programación do Nadal en Ames, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 19.00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo. Os convites poden adquirirse na Billeteira Electrónica.
O programa Amessán, co que se persegue o benestar dos maiores do Concello de Ames enmarcada no programa municipal de envellecemento activo, contará cunha actividade dentro da programación de Nadal. Desta volta, levará aos nosos maiores de excursión á discoteca "La Luna" o vindeiro domingo 15 de decembro, en horario de 16.00 a 22.00 horas.
Os días 17, 18 e 19 de decembro a biblioteca do Milladoiro acolle unha sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. As familias interesadas poderán inscribirse entre o 9 e o 14 de decembro chamando ao teléfono 981 530 807, ou enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal. Deben indicar nome, apelidos, idade e un teléfono de contacto.
Este mes de decembro retómase o programa “Encontros Literarios de Ames”, desta volta coa presentación de “A carón do lume”, a primeira obra da escritora Mónica Prego Franqueira. O encontro literario terá lugar o mércores, 18 de decembro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e marca o inicio da edición 2024-2025 deste programa. A entrada será libre ata completar aforo.
Hoxe, ás 17:30 horas, partirá do centro de saúde de Bertamiráns a andaina saudable de SaúdeAndo . As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).
Unha das principais novidades do Nadal en Ames este ano é a celebración dun Mercado de Nadal en Bertamiráns, na Praza da Maía. Levarase a cabo o venres 20, en horario de 17.00 a 20.30 horas; o sábado 21, de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.30 pola tarde, e o domingo 22 rematará o mercado con horario só de mañá de 10.00 a 14.00.
Dentro da programación de Nadal, Papá Noel estará en Bertamiráns, na Casa dos Maiores o sábado 21 en horario de 11.00 a 13.30 pola mañá e de 17.00 a 20.30 pola tarde.
- 1 de 2
- seguinte ›