Axenda

Ex., 19-10-2024
Sábado, 19 de outubro de 2024

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. O sábado 19 de outubro celebrarase a segunda xornada, unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña. Desenvolverase en horario de 9:00 a 18:00 horas e haberá servizo de autobús.

Sábado, 19 de outubro de 2024

O sábado 19 de outubro, ás 19:00 horas, terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o concerto de música clásica “En clave clásica”. A velada contará coa interpretación e dirección dos artistas do Centro Superior de Música de Galicia, tutelados polo mestre Boris Perrenoud, director da Wiener Musikakademie. Os convites poden retirarse a través da Billeteira electrónica.

Sábado, 19 de outubro de 2024

O sábado 19 de outubro a Aula da Natureza organiza a actividade “Estrelas de outono”, na que a veciñanza de Ames terá a oportunidade de avistar o cometa C/2023 A3 (Tsuchinshan-ATLAS), a constelación das Pléiades e a lúa. Está aberto a todos os públicos. Haberá servizo de autobús a disposición dos participantes: ás 19:30 horas sairá da Casa da Cultura do Milladoiro, e ás 19:45 horas do Pazo da Peregrina. O regreso será ás 22:00 horas. 

Domingo, 20 de outubro de 2024

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo 20 de outubro a XXIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, unha proba que pertence ao X Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.

Luns, 21 de outubro de 2024

O luns 21 de outubro, ás 17:00 horas, inaugurarase na Casa da Cultura do Milladoiro a exposición fotográfica solidaria “EspadELA”. Trátase dunha iniciativa da cooperativa Arabías, con retratos da boirense Charo Lopes, que supón o punto e final de EspadELA, 8Escola de Apoderamento Feminista) un proxecto nado en 2018 para fomentar a participación das mulleres na vida comunitaria.

Martes, 22 de outubro de 2024

O Goberno municipal do Concello de Ames iniciou unha rolda de visitas polas parroquias do municipio. O obxectivo destes “Encontros co Alcalde” é recorrer toda a xeografía municipal explicando o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas que poida ter a veciñanza sobre algún tema en concreto e, por último, tomar nota das reclamacións. O 22 de outubro haberá unha xuntanza no local social de Tapia, ás 21.00 horas.

Xoves, 24 de outubro de 2024

Hoxe, ás 17:30 horas, partirá do centro de saúde de Bertamiráns a andaina saudable de SaúdeAndo . As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).

venres, 25 de Outubro de 2024 a sábado, 26 de Outubro de 2024

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza un obradoiro para a rapazada a partir de 3º de Primaria, "O meu caderno de lecturas". Celebrarase na biblioteca do Milladoiro o venres 25 de outubro, ás 17:00 horas, e na biblioteca de Bertamiráns o sábado 26, ás 11:30 horas. As inscricións están abertas dende o 14 ata o 22 de outubro, chamando aos números 981 53 08 07 / 981 88 48 29 ou escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Venres, 25 de outubro de 2024

O venres, 25 de outubro, a partir das 18:00 horas, na praza de Chavián haberá varios pases de “maxia de proximidade” para grupos reducidos a cargo da maga arxentina Lore Lavand na súa caravana máxica. Os pases serán cada media hora, entre as 18:00 e as 20:30 horas. Só haberá 20 persoas por pase, e o acceso será por orde de chegada.

Venres, 25 de outubro de 2024

O venres 25 de outubro haberá un espectáculo de maxia para bebés, no que o Mago Paco presentará a súa proposta “Patapún”. Así, este especialista en maxia infantil propón un espectáculo divertido e visual para os máis cativos. Haberá dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro: unha ás 17:00 horas e outra ás 18:15 horas. Esta actividade está dirixida a crianzas entre 1 e 4 anos, e poderán acudir un máximo de dous adultos por neno/a. A entrada para ver este espectáculo é de balde, pero haberá que adquirir o correspondente convite na Billeteira electrónica.