Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, vén de poñer en marcha a campaña “Como desfacerse dos restos da poda?”. Deste xeito, indícase que os restos da poda deberán depositarse nunha bolsa dentro do colector de orgánico sen ocupar máis de dous terzos da súa capacidade. Outra opción é deixar os restos ao lado do colector nunha bolsa de lixo cerrada. O que non se debe facer é deixar os restos da poda amoreados ao lado dos colectores de lixo. Ademais, existen outras como a compostaxe, queimar os restos (sempre con comunicación previa en queimasweb.xunta.gal) ou levalos a un xestor autorizado.

Augas de Ames está de estrea. Esta mañá abriu a nova oficina do Milladoiro, que está situada no cruce da avenida de Rosalía de Castro coa rúa Viorneira, no número 56. A nova oficina está situada ao carón da estrada principal do Milladoiro, nun lugar máis visible para a veciñanza e conta cun espazo de 60 metros cadrados o que permite dispor de varios postos de traballo e deste xeito ampliar o servizo que se estaba a prestar. O horario de atención ao público será o mesmo que o da anterior oficina, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, increméntase o persoal de atención ao público o que permite reforzar o servizo os martes os xoves. O número de teléfono da oficina é o 981 93 94 45.

Este pasado luns, 14 de abril, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 107 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro luns 21 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.

O Concello de Ames vén de comezar os trámites para establecer unha ordenanza que regule a carta de “Benvida Social”, tamén coñecida en outros concellos como bautizo civil. Segundo os cálculos estimados polos servizos municipais non será ata o mes de agosto cando se poida oficiar a primeira celebración dunha cerimonia civil. Dita ordenanza estará en consulta pública durante 20 días hábiles rematando o prazo o 19 de maio. Posteriormente proporase para a súa aprobación no pleno ordinario de maio.

Iván Gutiérrez e Cosme González, os dous veciños de Ames e pertencentes ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, acaban de gañar a medalla de ouro no campionato nacional base individual masculino de ximnasia rítmica. Dito campionato celebrouse do 8 ao 13 de abril no Palacio multiusos de Guadalajara. Iván Gutiérrez foi campión de España de ximnasia rítmica na categoría cadete, mentres que Cosme González tamén se proclamou campión de ximnasia rítmica na categoría xuvenil.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, tamén se pode consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, estivo acondicionando dúas novas áreas de aparcamento que están situadas na Travesía da Peregrina, antes do cruce coa avenida de José Luis Azcárraga, e na rúa do Cómaro, en fronte ao centro deportivo da Telleira. Deste xeito, habilítanse dous novos aparcadoiros públicos e gratuítos que teñen capacidade para arredor de 300 vehículos. Ademais, existe un acordo cun/cunha propietario/a do Milladoiro para habilitar unha nova área de aparcamento nesta localidade, que tamén contará con 300 prazas de estacionamento.

Do 3 ao 6 de abril, celebrouse na cidade de Guadalajara a Karate Youth League, o maior evento internacional de mozos karatekas. Nesta cita, Ames contou coa representación de Xoán David Parga e Olivia Parga, que realizaron unha gran competición na que participaron algunhas das mellores promesas do karate de todo o mundo.

A Biblioteca municipal de Ames continúa coa súa programación de actividades dentro do programa “Abril, mes do libro en Ames”. Deste xeito, organizan un obradoiro de encadernación xaponesa, dirixido para a rapazada a partir de 3º de primaria. A actividade desenvolverase o venres 25 de abril no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns. O prazo de inscrición para participar está aberto desde o pasado venres, día 11, ata o vindeiro 21 de abril. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, curso e idade das crianzas participantes xunto cun número de teléfono de contacto.

Os alcaldes dos Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira volven pronunciarse sobre a necesidade de liberalizar a AP-9, destacando a importancia estratéxica do tramo Santiago-Padrón, tras a publicación da conta de resultados de Audasa, que facturou máis de 210 millóns de euros no ano 2024.
- ‹ anterior
- 3 de 1376
- seguinte ›