Actualidade

Ex., 16-04-2025
Ex., 16-04-2025
Venres, 24 de xaneiro de 2025
Arredor de 40 persoas participaron na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”

O local da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) acolleu este pasado xoves, 23 de xaneiro, o sorteo dos tres premios incluídos na sexta edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. No sorteo participaron arredor de 40 persoas que enviaron como mínimo dúas fotografías realizadas en dous dos lugares seleccionados polas súas decoracións de Nadal: nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, ou na praza da Madalena e no aparcamento do Supercor, no Milladoiro. As persoas premiadas foron Alejandro Germán Jofre, Laura Paz García e Manuel Balsa Ces, que recibirán tres vales de 250, 150 e 100 euros, para gastar en comercios amesáns adheridos a XEA.

Venres, 03 de xaneiro de 2025
O Concello de Ames modifica a súa Gran Festa de Reis polas predicións meteorolóxicas adversas previstas para este domingo

O Concello de Ames modifica a súa programación da Gran Festa de Reis debido ás predicións meteorolóxicas adversas previstas para este domingo. Deste xeito, suspéndese a cabalgata de Reis, trasladando toda a actividade do día aos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Polo tanto, os nenos e nenas de Ames poderán gozar da visita dos Reis Magos a cuberto, cunha gran festa que incluirá charanga e DJ. No Milladoiro a festa será desde as 17.00 horas ata as 19.00, mentres que en Bertamiráns será desde as 19.00 horas ata as 21.00. A apertura de portas en ámbalas dúas localidades será media hora antes do inicio da actividade. Cómpre destacar que os nenos e nenas que tiñan previsto ir nas carrozas coas Súas Maxestades poderán estar con eles durante a festa no pavillón e, ademais, terán prioridade para subir cos Reis na cabalgata do vindeiro ano.

Xoves, 02 de xaneiro de 2025
Ames estrea o tren de Nadal que percorrerá Milladoiro e Bertamiráns os días 3 e 4 de xaneiro

Concello de Ames continúa coa súa programación de actividades polas festas de Nadal, desta volta coa estrea dun tren que percorrerá os días 3 e 4 de xaneiro as rúas de Milladoiro e Bertamiráns, unha actividade enmarcada na programación da Gran Festa de Reis. Este servizo de tren, totalmente gratuíto, estará dispoñible en ámbalas vilas o venres pola tarde de 17.00 a 19.30, e o sábado pola mañá de 11.00 a 13.00 e pola tarde de 17.00 a 19.30 horas. Cómpre destacar que o sábado pola tarde, en Bertamiráns, o tren terá un percorrido alternativo pola coincidencia co mercado.

Luns, 30 de decembro de 2024
A campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma” xerou un gasto de case 250.000 euros no comercio e hostalaría de Ames

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, iniciou o pasado 14 de decembro unha nova campaña das tarxetas desconto “Bonos Consuma”, esgotándose o orzamento de 60.000 euros destinado ao programa en dúas semanas. Así mesmo, xerouse un volume de negocio total de 248.463,74 euros nos 105 establecementos e comercios adheridos á campaña deste ano. O obxectivo desta iniciativa foi incentivar ao consumo do comercio e hostalaría local nestas datas de Nadal. Durante o período que estiveron dispoñibles os descontos, descargáronse un total de 3.281 bonos.

Domingo, 29 de decembro de 2024
Participa este martes, 31 de decembro, nas prebadaladas 2025 de Ames na Praza do Concello

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza para este martes, 31 de decembro, as súas xa tradicionais prebadaladas, enmarcadas dentro da programación do Nadal en Ames. As prebadaladas, presentadas este ano por Fátima Pego, celebraranse na Praza do Concello ás 12.00 horas e repartiranse para os asistentes bolsas con cotillón, lambetadas sen glute e batidos para os máis pequenos e, como novidade, tamén se repartirán mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva ademais de contar cunha intérprete de lingua de signos. O acto tamén contará coas actuacións das gañadoras da última edición do Canta con Ames. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa. 

Xoves, 26 de decembro de 2024
O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro

O Concello de Ames presentou esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro o programa da Gran Festa de Reis, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xaneiro. As súas maxestades visitarán os dous núcleos urbanos de Ames, Milladoiro e Bertamiráns, e tamén farán as súas respectivas paradas polas zonas rurais do concello, ademais da tradicional cabalgata de reis o día 5 de xaneiro. Como novidade deste ano, haberá un servizo de tren que percorrerá Milladoiro e Bertamiráns para que os máis pequenos poidan percorrer as vilas dun xeito diferente. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas Garcia; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García. Percorridos das Cabalgatas de Reis polo Milladoiro e Bertamiráns.

Xoves, 26 de decembro de 2024
O Flatiron, de Alberto Cachafeiro Sánchez

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado xoves, 19 de decembro, a Gala de entrega de premios do X Certame de fotografía comercial do parque empresarial Novo Milladoiro. O acto estivo presentado por Carlos Blanco. Durante a gala proxectáronse as fotografías premiadas durante as nove edicións anteriores, vendo deste xeito, a evolución do parque empresarial e a progresión a través do tempo do propio certame. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio, Javier Antelo. O Flatiron, Gulliver e Chegando co Futuro na Man foron as tres fotografías premiadas.

Luns, 23 de decembro de 2024
As tarxetas de desconto “Bonos Consuma” xeran en 10 días un gasto de máis de 185.000 euros e o 75% do orzamento

O pasado 14 de decembro comezou o prazo para descargar e empregar as tarxetas de desconto “Bonos Consuma”. Ata este luns, 23 de decembro, descargáronse máis de 2.892 bonos e consumiuse máis do 75% do orzamento destinado a esta iniciativa, superando moi amplamente as cifras do ano pasado. Así mesmo, xerouse un gasto de máis de 185.000 euros nos 105 establecementos e comercios adheridos á campaña deste ano. As persoas que aínda non descargaran o seu bono, poden facelo a través da páxina web bonos consuma no apartado de clientes. O prazo para usar os bonos remata o 14 de febreiro, salvo que se esgote antes o orzamento do programa.

Xoves, 19 de decembro de 2024
Aberto ata o 22 de decembro o prazo para inscribirse á Cabalgata de Reis

O Concello de Ames traballa na organización das Cabalgatas de Reis, que se celebran o domingo 5 de xaneiro nas localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Para participar en ditas Cabalgatas abriuse un prazo de inscrición co obxectivo de que as nenas e nenos do concello poidan acompañar aos Reis Magos nas carrozas. O período de inscrición estará aberto ata o domingo día 22 de decembro. A capacidade de cada carroza é de 14 rapaces, sendo as prazas ofertadas un total de 84. Poderán participar menores en idades comprendidas entre 6 e 12 anos, empadroados en Ames e que non participaran en cabalgatas anteriores. No caso de que non haxa rapaces suficientes para algunha das cabalgatas, poderase propoñer a cobertura con nenos e nenas que non teñan as preferencias solicitadas. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo sobre a entrega de capas reais de 2023.

Mércores, 18 de decembro de 2024
Imaxe da presentación das Prebadaladas 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación da cuarta edición das Prebadaladas de fin de ano, unha actividade enmarcada dentro do Nadal en Ames. As xa tradicionais prebadaladas de Ames, presentadas este ano por Fátima Pego, celebraranse o 31 de decembro na Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 12.00 horas. O acto contará coas actuacións das gañadoras da última edición do Canta con Ames, unha interpretación en lingua de signos e, ademais, repartiranse bolsas con cotillón, lambetadas e batidos para os máis pequenos e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo resumo das Prebadaladas de 2023.