Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

A quinta edición de Enreguéifate está á procura de mozos e mozas que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Este proxecto, do que forma parte o Concello de Ames xunto co de Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Rianxo, ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Para achegar esta arte á rapazada de Ames, impartíronse once sesións do obradoiro Enreguéifate nos centros de ensino. O prazo de participación no certame estará aberto ata o 28 de maio de 2021 e a inscrición poderá facerse desde a páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases.

Continúa o Apego de Ames en setembro co espectáculo musical “O poder da Superlingua”, do grupo A Gramola Gominola. Trátase dunha proposta na que a lingua se converte nunha superheroína, coa que poder cantar, ler, bailar, investigar, xogar ou amar. Será o vindeiro venres 23 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir ao concerto, de balde e dirixido ao público familiar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 22 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Coa chegada do Samaín chega o medo, e para perdelo bo é unha sesión de contacontos cun dos mellores contadores deste país: Celso Fernández Sanmartín. O seu relato de “O home do saco e outros contiños de menos medo” terá lugar o vindeiro venres 8 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá dúas sesións, unha ás 17.00 horas e outra ás 18.00 horas, para as cales é necesario reservar praza enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, vén de facer públicas as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 179 traballos, un número que supera a xa elevada participación de anos anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

O programa Apego amesán continúa en xuño co espectáculo “Lixo”, dirixido ás crianzas a partir de 2 anos. Na obra da compañía O Baúl da Tía Lola, dúas bailadeiras mergulladas nun mar de lixo e plástico descubrirannos xogos e mundos extraordinarios, nos que crearmos cultura a partir de varredura. Será o venres 3 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As inscricións para a actividade, de balde, poderán realizarse dende hoxe ata o xoves 2 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Aroa estuda 6º de primaria no CEP de Ventín. Malia seren os seus pais galegofalantes, fala dende moi cativa só castelán. Pero este luns chegou da escola expresándose en galego. “Fíxolle moita ilusión asinar o Acordo de compromiso lingüístico, está tomándoo moi en serio e esforzándose por falar todo o tempo en galego”, conta o seu pai, Javier Cacheiro, presidente da ANPA do centro. A súa irmá pequena, Lara, polo momento só o está a empregar na escola, “pero xa é un progreso”, considera. Coma elas, os arredor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de infantil e a primaria no municipio de Ames están a participar dende esta semana no proxecto de inmersión lingüística creado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco de Modo galego, actívao! O programa promove toda unha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas, tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local.

O luns 30 de novembro pecha o prazo de participación no certame Galetiktokers, unha iniciativa coa que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.

O 16 de novembro remata o prazo para presentar candidaturas ao premio, unha iniciativa conxunta das Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica de Ames. Poden participar empresas con sede social ou co seu centro de actividade no concello, que aposten polo galego na súa actividade económica e na comunicación, tanto no ámbito interno como no externo. Nesta cuarta edición, o premio continúa con dúas categorías, que diferencian entre empresas de nova creación ou que se sumaron ao galego recentemente e empresas que levan comunicando en galego desde hai máis de dous anos. Este premio está dotado con 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías, e cunha campaña de difusión publicitaria na radio municipal, Ames Radio.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, pon en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata este xoves, 31 de outubro, por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Dende a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na décimo novena edición do Certame Literario de Ames, ao que as creadoras e creadores poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o xoves 24 de marzo. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XIX Certame Literario de Ames.

Eventos del departamento

Caxoto contacontos ofrecerá unha sesión virtual  de contos e música o venres 27 de novembro, a partir das 18.00 horas. Os nenos e as nenas de até catro anos e as súas familias poderán participar no “Berce das verbas” e descubrir recursos para utilizar neses momentos máxicos previos ao sono e aos soños. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 26 de novembro e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

A compañía teatral A cova das letras chega a Ames con esta actividade do programa FalaRedes. O venres 20 de novembro, a partir das 18.00, os nenos e as nenas poderán participar nesta sesión virtual de marionetas, contos e cantos. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 19 de novembro e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma chega a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e nenas no mundo dos xogos e os xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e manualidades.

Language Planning e unha comedia áceda da compañía “Os Quinquilláns”, baseada nos relatos de “Made in Galicia” de Sechu Sende.

A representación terá lugar na Casa da Cultura de Milladoiro o venres, 8 de outubro ás 20:30 horas.

A obra chega a Ames a través do programa “Fala Redes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiciua.

A función é de balde e os convites poden adquirirse xa na billeteira municipal.