Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación de "Rosalía, o lugar onde nacen as poetas", unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega. A proposta busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. Será este xoves 17 de febreiro, ás 18:00 horas, como parte da programación do mes de Rosalía. Os convites, de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Colaboran a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames.

Alumnado do IES do Milladoiro acaba de recibir un dos premios da categoría escolar da oitava edición Certame Enreguéifate, o premio á regueifa máis inclusiva, polo traballo realizado en colaboración co CEE Manuel Navalón. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación. 

Nun sinxelo acto, ao pé da casa de Barbazán, foi presentado onte o mural “Rosalías”, unha creación do artista Yoseba Muruzabal que reflicte a contemporaneidade da obra e do pensamento da poeta da Maía. No mesmo acto leuse o Manifesto que nesta ocasión escribiu a escritora, vicepresidenta da AELG e veciña de Ames, Anna Figueirido.  O acto, que foi presentado pola concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e que contou coa participación de Anna Figueirido e alumnos e alumnas dos dous institutos de Ames, concluíu cunha regueifa improvisada por Manolo Maseda, profesor de musica do IES de Milladoiro.  Por outra banda, o aniversario da poeta da Maía tivo tamen o seu reflexo nos comedores escolares de Ames onde se serviu o xa tradicional “Caldo de Gloria”, nos farois das rúas máis transitadas do concello que desde a pasada fin de semana engalánanse con lonas poéticas elaboradas a través do proxecto “A luz de Rosalía” e no concurso “Debuxa a túa Rosalía” que organizan as Bibliotecas Municipais.

Esta mañá o xardín do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a presentación da primeira festa do Apego de Ames, que se desenvolverá o venres, 11 de setembro, pola tarde e mais o sábado 12 durante todo o día. A presentación correu a cargo da concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e da técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, Rosa Moreiras. As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá teatro infantil, contos, cantos de berce, concertos, unha foliada e moitas actividades máis. O impreso de inscrición nas actividades, o cartel e mais a programación da Festa do Apego pódese obter premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova.

O Concello de Ames acaba de publicar a programación infantil con Apego para os vindeiros catro meses, cunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo de setembro, outubro, novembro e decembro. Haberá contancontos nas bibliotecas municipais, unha nova edición da Foliada con Apego, varios espectáculos de teatro, un obradoiro de arrolos con Mama Cabra, outro taller sobre contos de medo con Celso F. Sanmartín, etc. Ademais, nesta programación inclúese unha nova edición do Festival de maxia e do Certame internacional de cine infantil e familiar “Cinema Crianza”.

A programación de Apego para os vindeiros meses presentouse hoxe no salón de plenos do Concello. Nela estiveron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a concelleira de Cultura, Natividade González, e a técnica municipal Rosa Moreiras. Desta volta, a programación vén cunha morea de actividades para os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Música, contos, arrolos, teatro, xogos, espectáculos, obradoiros…para que as crianzas e as familias poidan gozar, aprender e socializar.

A sesión, que estaba prevista para realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro o vindeiro xoves, 29 de outubro, ás 18.00 horas, poderase desfrutar dende calquera dispositivo con pantalla. Deste xeito, non haberá limitacións de aforo pero é imprescindible a inscrición previa antes do mércores 28 enviando un correo a normalizacion@concellodeames.

Olaxonmario, O Son das Ideas, Neeumatiko, Pablo Rodríguez Vila, Toxío, AstroXabi, Cousas RarismASMR, Cousxs, Xacobo de Toro, Recuncho Gamer e Orgullo Galego levan os galardóns deste 2021. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

A Real Academia Galega continúa a afondar na análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións con investigacións cualitativas que permitan orientar de maneira efectiva as políticas lingüísticas para frear este proceso. O último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirma a importancia dos centros educativos, non só na súa faceta pedagóxica, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fóra da familia e contexto principal para a relación dos nenos e nenas cos seus iguais. Pero, ao mesmo tempo, chama tamén a atención sobre outros espazos como os das actividades complementarias e de conciliación e as asociacións e clubs deportivos. Os resultados recóllense no volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Do diagnóstico á acción. A colaboración entre a Real Academia Galega e o Concello de Ames en materia de lingua e infancia e mocidade continuará nos vindeiros meses co desenvolvemento dun proxecto colaborativo que porá en marcha iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas. Modo galego, actívao! chegará aos arredor de 3000 nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados nos sete centros educativos que imparten estas etapas no que é o maior termo municipal da zona periurbana da comarca compostelá. Como aconteceu na investigación que permitiu trazar o mapa sociolingüístico escolar do concello, as accións implicarán non só o día a día nas escolas, tamén as actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local, que constitúen espazos de socialización de crecente importancia en múltiplos planos, tamén no que atinxe ao comportamento lingüístico.

Eventos del departamento

O programa Apego achega a Ames o filme “Valentina”, premio Goya 2021 á mellor película de animación. “Valentina” conta a historia dunha rapaza cansa de ter síndrome de Down, convencida de que é o motivo que lle impide acadar o seu soño de ser trapecista, e que fará unha viaxe máxica para descubrir todo do que é capaz. A proxección, orientada ao público familiar, terá lugar o mércores 21 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A inscrición, de balde, poderá realizarse do 13 ao 20 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. A actividade chega ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22.

O programa Apego de Ames propón, para comezar o mes de maio, unha viaxe para pasar unha xornada no eco-espazo de Carballolandia, á beira do río Miño na Ribeira Sacra. Será o sábado, 7 de maio, con saída e regreso en autobús desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A saída será ás 9:30 horas e o regreso ás 21:00 horas, aproximadamente. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse do 27 de abril ao 4 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

"Chanzo: outra música é posible" e a proposta do grupo de jazz ChAnZo e o artista plástico Nove No3l, unha unión que experimenta cunha nova paleta de elementos arriscados e informais. O espectáculo, terá lugar ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. É unha actividade da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, que forma parte dos proxectos culturais Xacobeo XXI, xestionados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como é habitual en maio, o Servizo de Normalización Lingüística celebra o venres 13 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, a entrega de premios ás persoas gañadoras da XIX edición do Certame Literario de Ames, na que participaron un total de 152 traballos. A decisión do xurado, formado por María López Sández, Ismael Ramos e Armando Requeixo coñecerase tres días antes, o 10 de maio, a través da web municipal e das redes sociais do Concello de Ames. O acto terá lugar ás 20:00 horas e contará cunha actuación musical do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA.

Para celebrar a súa quinta edición, o Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, estrea o Familia Delas Fest, un espazo onde descubrir a arte urbana contextual coa familia dunha forma divertida. Así, os asistentes experimentarán con materiais e ferramentas, traballando de xeito interxeracional.

O sábado 3 de xuño, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns a final do Club de Debate 2023, no que participan grupos de distintos centros educativos de Galicia. Nesta última fase competirán seis equipos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol, e tamén Ames, que chega á final representado por “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, e por “Ames a palabra” do IES de Ames. O tema de debate será “A mocidade renuncia ao galego?”. 

O programa Apego recibe o mes de novembro unha foliada de Samaín de man de Pablo Díaz e Olga Kirk. Será o venres 3 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha das mellores fórmulas para perderlle medo ao medo: cantar e bailar. A foliada terá lugar nun encontro cheo de música de noso para compartir e para aprender os cantos e os bailes de sempre. Está dirixida a público familiar e é de balde. Os interesados/as en inscribirse poden facelo escrbindo ao enderezo electrónico normalización@concellodeames.gal entre o 26 de outubro e o 2 de novembro. 

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o venres, 9 de xuño, a gala de entrega de premios do XX Certame Literario do Concello de Ames, a partir das 20:00 horas. O evento será conducido por Josito Porto, que tamén protagonizará un número musical con Sabela Dacal e Rafa Otero. Por outra banda, o grupo de Linguaxe Musical eo Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) tamén ofrecerán unha actuación. Ao acto acudirán os encargados de xulgar os textos presentados ao concurso, Ismael Ramos Castelo, Anna R. Figueiredo e Andrea Porto Mato; así como as persoas premiadas tanto na modalidade de poesía como na de narrativa. 

Os premios Youtubeiras teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os/as youtubeiros/as en galego a través da Rede. Establécense 12 categorías e premios: 3 principais, valorados en 1000€ cada un; e 9 premios de 500€ cada un, para sumar un total de 7500 €. A gala do certame terá lugar ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Negreira, O Grove, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e Rianxo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.