Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

A Real Academia Galega presentou este luns, 6 de xuño, Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, unha guía que pretende contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística, ofrece aclaracións conceptuais sobre o tema que aborda e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos dende a premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable”. A publicación avoga así por construír a partir do galego un plurilingüismo inclusivo, que non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural.

No curso 2022-2023 a Real Academia Galega e o Concello de Ames estrearon Modo galego, actívao!, un proxecto colaborativo pioneiro que implicou, tras un rigoroso diagnóstico da situación de partida, a posta en marcha de iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas entre a rapazada dos colexios de infantil e primaria deste municipio da área periurbana de Santiago de Compostela. Tras os bos resultados obtidos na experiencia piloto, ambas as partes decidiron estender a colaboración coa sinatura dun  convenio ao abeiro do cal se prevé ampliar o programa aos primeiros niveis da ESO nos vindeiros cursos, entre outras medidas que comparten o obxectivo común de frear o abandono do galego na infancia.

A Real Academia Galega presentará o luns 6 de xuño, ás 20.00 horas, Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames. O acto de presentación realizarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A guía responde á demanda de formación do profesorado sobre o tema que aborda, ofrece aclaracións conceptuais e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá mañá mércores, 22 de marzo, a presentación da valoración dos resultados da experiencia de inmersión lingüística na que participaron durante tres semanas de preto de 3.000 nenos e nenas dos centros educativos de infantil e primaria amesáns no marco do proxecto Modo galego, actívao!, promovido pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. O acto, de entrada libre, terá lugar a partir das 19:00 horas e contará coa participación de representantes da Academia e do Concello e mais da comunidade educativa. Estrearase ademais un vídeo de sensibilización gravado por alumnado, e que poderá verse nas redes sociais da Academia e do Concello de Ames.

“Comerá o bebé?” é unha sesión de contos, poemas, xogos de mans, música e moito máis encadrada dentro do programa Apego. Terá lugar o próximo xoves, 13 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, en dúas sesións: unha ás 17.30 horas e outra ás 18.30 horas. Unha actividade de balde, destinada a familias que se encontren agardado un bebé ou teñan crianzas de menos de 3 anos.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, organiza a V Festa do Apego, que se celebra ao longo de toda a xornada de hoxe no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a excepción dos concertos de Golfiños e  Oviravai, que trasladan á Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá maxia, contos con música, xogos, concertos, teatro de monicreques, obradoiros e moitas máis actividades. A entrada é libre e de balde. Premendo nesta ligazón pódese acceder á programación completa do evento. A través desta ligazón pódese acceder á galería de imaxes do evento.

O xoves, 16 de setembro, presentarase a Ruta do Apego de Ames, situada nun dos tramos da ruta das Ribeiras do Tambre, entre os lugares de Lens e Oca. Con este motivo organízase nun andaina guiada dirixida a familias con crianzas na se realizarán actividades ambientais. As persoas interesadas en asistir  poden anotarse ata o 15 de setembro enviando un email a normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos das persoas quen van participar,  idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, tamén se pode consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

O festival feminista de arte urbana e contextual, o Delas Fest, desenvolve por primeira vez en Ames o Familia Delas Fest, un obradoiro que busca achegar á cativada á arte urbana contextual dun xeito lúdico. Será este venres, 1 de setembro, ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade destínase a familias con crianzas a partir de 3 anos. Para inscribirse é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal ou cubrir este formulario.

Dende hoxe, xoves, 19 de xaneiro, están abertas as inscricións para “Cantando con raíz”, a nova actividade que organiza o departamento de Normalización Lingüística de Ames dentro do programa Apego, e na que a cativada poderá aprender cancións, ditos e recitados para achegarse á lingua dun xeito natural e divertido. O taller, dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 27 de xaneiro, ás 18:00 horas. Para participar cómpre inscribirse, ata o xoves 26, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Eventos del departamento

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. Dúas delas recoñeceranse con premios de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

O sábado 25 de febreiro, a partir das 19:00 horas, terá lugar a gala de homenaxe a Rosalía de Castro organizada polo Concello de Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Contará coa presentación da xornalista Esther Estévez e coa actuación de Najla Shami. Ademais, participarán tamén os centros educativos de infantil, primaria e secundaria.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a terceira Festa do Apego de Ames, que se celebrará o sábado 18 de xuño. As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina. Se chove, as actividades trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá contos, música, xogos e moitos máis recursos para gozar coa e desde a lingua. Ademais, as librarías municipais, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns,  e Nenos Nais, no Milladoiro, ofrecerán un 10% de desconto en materiais infantís en galego durante toda a xornada. O prazo de inscrición para as actividades estará aberto dende o 9 ao 16 de xuño. As reservas realizaranse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando as actividades ás que se quere asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Pazo da Peregrina ou na Casa da Cultura de Bertamiráns, dependendo da meteoroloxía. En caso de que chova as actividades trasladaranse ao centro sociocultural. Pola contra, se non chove, a programación manterase segundo o previsto no Pazo da Peregrina. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. As prazas de cada unha das actividades iranse cubrindo por orde de chegada dos usuarios e usuarias. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo coa programación da Festa do Apego de Ames.

Os departamentos de Normalización Lingüística e de Bibliotecas de Ames organizan, con motivo da celebración do Día do Libro, o acto de presentación do libro do XIX Certame Literario do Concello de Ames. Terá lugar o sábado 22, ás 19:30, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. 

Os Seráns de Ames continúan en Tapia cunha nova edición da Foliada con Apego, unha actividade chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e pasalo ben. Será o xoves 18 de agosto, ás 19:30 horas, coa actuación de Pablo Díaz e Olga Kirk.

“Contos de medo que deixan durmir”, a primeira das actividades propostas polo programa Apego para este trimestre, desenvolverase de xeito virtual por mor da loita contra a pandemia da Covid19.
A sesión corre a cargo de Caxoto contacontos.
Non hai limitacións de aforo. Porén, hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ou chamando por teléfono ao 662 377 2175.  

O prazo para inscribirse remata o mércores, 28 ás 14:00 horas. 

Logo, entre as 17 e as 21 do xoves, 28 de outubro, calquera persoa que o desexe e que estea previamente inscrita poderá premer na ligazón que se lle envíe e acceder ao contacontos.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación de "Rosalía", unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega, que busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. A obra teatral terá lugar o xoves 17 de febreiro, ás 18:00 horas, dentro da programación do mes de Rosalía. Os convites, de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Colaboran a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames.

Baby Esferic, de Aboon Teatre, pasará o día 6 de outubro polo auditorio do Milladoiro. Realizaranse dous pases, ás 18:00 e ás 19:00 horas. O aforo será de 80 persoas por pase. Trátase dunha representación enfocada a crianzas de entre 6 meses e 3 anos, un espectáculo innovador de linguaxe visual que busca espertar a imaxinación de grandes e pequenos. Os espectadores gozarán dunha viaxe con simpáticos habitantes esféricos que lles amosarán a maxia da terra, a ritmo de bebé. Premendo nesta ligazón podes consultar o dossier da obra ao completo. Tras a representación, que dura arredor de 30 minutos, as familias poderán gozar de 15 minutos de interacción e xogo coas personaxes. Os convites son de balde e pódense descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames

O Apalpador volve a visitar Ames da man do programa Apego. Con Anxo Moure e a Banda da Montaña o Nadal chega cargado de contos, cantos e agasallos máxicos nacidos na Serra do Courel. O Apalpador tamén recollerá as cartas que os nenos e nenas lle queiran deixar. A actividade está dirixida ao público familiar e é de balde. A inscrición pódese facer do 5 ao 14 de decembro enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal