Actualidade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a XXII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, pódese consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

O programa do Apego segue a ofrecer unha ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste vindeiro mes de abril. Desta volta, co espectáculo musical “O cuco veu por acá e marchou por alá” da compañía Percubebés, formada por Marcelo Dobode e Bea Martínez, que se desenvolverá o venres 4 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 3. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O programa Apego continúa coa súa programación de propostas para as crianzas amesás. Nesta ocasión, coa actividade de contos de arrolos para a primeira infancia “Meco e sono” de Xarope Tulú e Xiana Arias, que se levará a cabo o vindeiro venres 28 de marzo, ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro xoves día 27. Para participar, é preciso enviar un correo a normalización@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Enreguéifate ultima os preparativos para clausurar esta oitava edición co certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de marzo de 2025. Para anotarse é preciso enviar un ou máis vídeos, cunha duración máxima de 3 minutos, nos que aparezan cando menos 2 persoas regueifando sobre un tema libre. As bases completas poden consultarse na páxina web do certame, a través da cal tamén pode facerse a inscrición. Os servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega.

No mes de marzo o programa Apego continúa a súa programación de propostas para as crianzas amesás. Desta volta, cun obradoiro de debuxo colaborativo impartido por As Seibas Espazo Educativo, que terá lugar o vindeiro venres 21 de marzo, ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 13 de marzo, ata o vindeiro xoves día 20. Para participar, é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O Concello de Ames recibe unha axuda de 20.000 euros no marco da convocatoria de subvencións dirixida aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) de 2025, posta en marcha pola Deputación da Coruña (FONL 2025). Esta axuda destinarase a financiar gastos de persoal técnico.

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades neste vindeiro mes de marzo, desta volta coa sesión de narración oral “Canta, buguina, canta!” de Marta Ortiz. A actividade terá lugar o vindeiro venres 7 de marzo, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de febreiro, ata o 6 de marzo. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 24 de febreiro, unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e María López Sández, membro tamén da dita fundación. O acto pechouse cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro que remataron cantando o tema “No bico un cantar” con boa parte do alumnado presente con eles no escenario. Pódese acceder á galería completa de imaxes na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 22 de febreiro, unha nova edición da excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, a través da cal se visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión literaria, na que participaron cincuenta persoas, estivo guiada pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Turismo, está desenvolvendo unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía, que se celebra cada ano o 23 de febreiro. Fernando Yáñez realizou unha intervención artística nas rúas de Ames pintando catro elementos de mobiliario público coa silueta de Rosalía e tamén cuns versos da autora. Ademais, o luns 24, ás 19.00 horas, celebrarase unha gala poético-musical na Casa da Cultura de Bertamiráns, na que participará o alumnado dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria. Pódese consultar a programación completa premendo nesta ligazón.
- ‹ anterior
- 2 de 40
- seguinte ›